Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Burela solicita a González Barcia a retirada dunha placa na que figura o exministro do PP Jaume Matas

O grupo municipal do BNG rexistraba no día de hoxe, unha solicitude para que o Concello de Burela proceda a retirar unha placa ao exministro do PP Jaume Matas. A placa, na que figura o nome de Matas, atópase na praia de Ril e foi colocada con motivo da inauguración do paseo marítimo de Burela á Marosa. Desde o BNG lembran que na actualidade, o que fora ministro do PP, cumpre prisión por un delito de tráfico de influencias e atópase encausado noutros sumarios da causa aberta polo sobrecusto das multimillonarias obras do Palma Arena, relacionados co suposto enriquecemento de Matas.

Segundo o portavoz municipal do BNG, Mario Pillado, “este asunto xa foi tratado en pleno, mais tendo en conta que a día de hoxe aínda non se tomou ningún tipo de medida a este repecto por parte do goberno municipal do PP, demandamos unha actuación inmediata por parte do Sr. González Barcia”. O portavoz nacionalista engadiu que “resulta inmoral que se manteñan símbolos ou outros elementos nos que figuran nomes de políticos que foron condenados por este tipo de delitos e que foron os verdadeiros responsábleis da crise que padecemos a día de hoxe e que temos que pagar as maiorías sociais”.

Desde o BNG, entendemos que os poderes públicos deben dar exemplo na loita contra a corrupción e mostrar telerancia cero cos cargos públicos relacionados con este tipo de causas, máis aínda se xa foron condenados, como no caso de Matas. Pillado concluía afirmando que “o Concello de Burela debe tomar exemplo de concellos veciños como o de Ribadeo que xa procederon a retirar unha placa que levaba o nome de Jaume Matas” e engadía que “evidentemente este tipo de medidas non son a solución aos problemas que padecen os veciños e veciñas de Burela, mais trátase dunha medida que non supón nada para o Concello e supón un xesto que van agradecer moitas persoas que están fartas da corrupción sistemática de determinados partidos políticos”.

Exit mobile version