Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG denuncia que “o Concello de Muras saca a concurso a xestión da aldea etnográfica de Carelle Grande rehabilitada con fondos públicos por 6.000 euros ó ano”

A Mariña, 11 de marzo de 2015. O BNG na comarca da Mariña pregúntase cal é o beneficio para a veciñanza de Muras que vai ter o investimento na rehabilitación da Aldea de Carelle Grande, onde segundo o proxecto, foron investidos mais de 2,28 millóns de euros dos que 392.000 foron parar ao peto do alcalde pola venta de propiedades das que era titular ao concello que preside. Segundo a formación nacionalista o concurso foi publicado no BOP de Lugo o 5 de marzo cun prazo de admisión de solicitudes de 10 días para ofertar a concesión da xestión da aldea etnográfica pola cantidade de 6.000 euros ao ano por cinco anos con posibilidade de renovación.

Cualifican de ridícula a cantidade a cobrar pola cesión en relación ao investimento realizado
Para o BNG mariñao os 6.000 euros ao ano polos que se oferta a cesión administrativa das instalacións da Aldea Etnográfica de Carelle Grande para a súa explotación “é unha cifra ridícula tendo en conta o investimento previsto neste proxecto que, aínda non estando rematado, contemplaba unha cifra inicial de 2.279.744 euros”.

Cales son os beneficios sociais e de dinamización económica prometidos polo alcalde?
O vice-responsábel comarcal do BNG da Mariña, Xoán Antón Estúa, “preguntouse onde está o beneficio social para a veciñanza de Muras?, e onde os postos de traballo que se anunciaban durante a súa rehabilitación que alcalde cifrou en 20 persoas si parte do persoal que executou a obra foi persoal do propio concello?, e onde os 30 postos de traballo que segundo Issam Alnagm creará a posta en funcionamento deste proxecto?

De momento o único beneficiado econonomicamente é o propio alcalde
Para o responsábel nacionalista mariñao “o dato e a cifra certa é que Issam Alnagm obtivo como beneficio directo o 17,20% dos 2,3 millóns de euros previstos no proxecto pola venta de propiedades das que era titular ao concello que preside”.

Estúa especificou que o concello de Muras mercou en 2010, 184 fincas e 20 inmobles por importe de 566.272,05 euros. “Desta cantidade o alcalde e a súa familia cobraron 341.924,30 euros pola venta ao concello de 109 fincas e 6 inmobles e 50.013,92 euros pola venta de madeira plantada nas mesmas fincas. Como conclusión hai outro dato certo e contrastable: Issam Alnagm e a súa familia ingresaron o 69% do gasto desembolsado polo concello que el mesmo preside pola venta de bens para a execución da aldea etnográfica”, concretou Estúa.

Como se cuantifican a horas realizadas por persoal municipal en traballos desempeñados na rehabilitación da aldea etnográfica?
Desde o BNG mariñao tamén se preguntan si o concello de Muras ten cuantificado en termos económicos as horas realizadas por operarios municipais na aldea etnográfica e polo tanto deixando de atender outros traballos en beneficio do conxunto da veciñanza de Muras. Foi e é comprobable ver como operarios do concello axudan a empresas adxudicatarias de obras nos traballos de rehabilitación, deixando sen atender traballos da súa competencia polo que os custes de execución das obras deberían multiplicarse.

Exit mobile version