Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG golpea primeiro

Estaban os amantes do suspense devecendo para que as listas electorais tardasen un chisco máis en seren publicadas cando o BNG decidiu dar un golpe enriba da mesa. Non optou por asinar ao seu equipo titular, senón todo un plantel de vintecinco integrantes. Unha presentación por todo o alto. Tanto, que incluso algún deles levitaba.

Parece que foi onte cando aquel rapaz de trinta e un anos deambulaba polo Pazo de Ibáñez facendo as veces de tenente de alcalde. Un cargo que o acabaría premiando coa alcaldía en 2007. Hoxe, aquel ‘homiño’ segue a liderar unha candidatura do BNG malia o momento de incertidume que atravesa a executiva do partido e tras ainar un manifesto criticado por algúns sectores ‘duros’ da executiva nacional. A formación local en Ribadeo, pola contra, parece gozar de boa saúde.

O pasado venres o BNG poñía a guinda a unha semana auto reivindicativa amosando as caras do seu proxecto para os comicios do mes de maio. Durante os días previos, o partido nacionalista buzoneara polo Concello os primeiros vestixios de propaganda pre electoral. Neste documento, recordaba aos veciños os aspectos máis salientables da xestión durante o seu mandato con maioría absoluta. Para culminar estes logros, o Parador de Turismo acolleu a presentación dos vintecinco integrantes da candidatura nacionalista.

Fernando mantivo á súa xente de confianza e non tocou aos tres que lle seguían na lista do 2011: Mari Luz Álvarez Lastra, Vicente Castro e Ana Martínez. Con todo, relega a uns probablemente desgastados Horacio Cupeiro (undécimo na lista) e Teresa González (duodécima). Da lista das eleccións pasadas, só se bota en falta a Xavier Campos quen, por motivos de traballo, decidiu que compaxinar o seu labor na executiva nacional coa política local suporía un lastre máis ca un incentivo. Sabia decisión.

As caras novas, combinando mocidade e veteranía, activismo estudantil, xuvenil e social cos aspectos urbano e rural fan da lista unha candidatura sólida de cara as municipais. Ademais, a lista cremalleira –combinando home-muller e, así, ata o último suplente– tamén supón un factor clave xa que demostra que unha lista formada igualmente por homes e mulleres é algo máis ben lonxano a ese termo tan empregado hoxe en día na política: utopía.

Por último, a temporalidade. O feito de amosar as cartas antes ca ninguén cando semella que o resto de forzas locais están tendo dificultades para confeccionar unha lista de vinte persoas (incluindo suplentes) non pasa desapercibido. Este golpe, adiantándose a calquera fichaxe, incorporación en masa ou lista que puidesen anunciar PP ou PSOE non está exenta de carga estratéxica.

Iso sen mencionar a Cidadáns, partido que acaba de se asentar sobre a estructura de UPRI e que xorde coma resultado do contaxio a nivel español que supón Albert Rivera; ou a Ribadeo en Común, inspirado nas formacións emerxentes pola xeografía estatal e que agrupa a diversos colectivos reivindicadores dunha maior transparencia e participación, pero que aínda precisa reunir 500 avais para garanter a súa candidatura.

Ante este panorama, o BNG acaba de posar para unha foto exibindo músculo. Unha foto que amosa que non houbo apenas problemas para acadar os dezasete integrantes da lista e que, a falta de tres suplentes –como podería ser habitual– outras oito persoas tamén se sumaron á lista nacionalista. Vintecinco persoas alternando homes e mulleres a partes iguais. Vintecinco persoas que foron as primeiras en dar a cara ante os medios de comunicación. Para que logo digan que a maioría absoluta pode desgastar.

O mensaxe é claro: ‘aquí vos esperamos’. E a resposta do resto dos partidos políticos, se se queren auto proclamar coma os partidos da xente, terá que ser non amilanarse e contraatacar. A estratexia electoral está servida, a partida acaba de comezar…

Fabián Pérez Rego

Exit mobile version