Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG lamenta o apoio da alcaldesa socialista de Viveiro ó acto protagonizado por Rouco Varela “representante da misoxinia absoluta e o despilfarro no seu día a día”

A Mariña, 29 de marzo de 2015. O BNG na Mariña lamenta que a alcaldesa de Viveiro non fora quen de antepoñer a defensa das mulleres e dunha sociedade máis xusta a un acto de mera apariencia no que acompañou ao ex-arcebispo Rouco Varela. Desde o BNG afirman que “a separación Igrexa-Estado, que se pregoa incluso na Constitución, queda en entredito con actitudes como as da alcaldesa socialista que decide acompañar ao ex-arcebispo, coñecido pola súa pública misoxinia e por unha máis que dubidosa austeridade só por aparecer en todos os sitios como representante pública.”

“Está cada vez máis claro que PP e PSOE non se diferencian nas grande cousas: poderíamos agardar que persoas do Partido Popular tomaran parte nun acto destas características, relixioso e no que o protagonismo é para quen non respecta ás mulleres e vive en áticos de 400 metros cuadrados; xa que as posturas do exarzobispo son compartidas por unha gran parte do Partido Popular. Pero, á vista dos feitos, podemos afirmar que o Partido Socialista amosa o mesmo respecto polos dereitos das mulleres que o Partido Popular e que, ante un acto con numeroso público, son capaces de renunciar aos ideais e pactar co peor inimigo”, sinalan desde o BNG.

“É totalmente hipócrita que, quen di defender os dereitos das mulleres, acompañe a unha persoa que as ataca continuamente e que representa a ideoloxía máis rancia, defendida pola igrexa católica e que está detrás das posturas máis radicais que supuxeron as modificacións lexislativas que se levaron a cabo nos últimos anos, como a reforma da lei do aborto”, declarou a responsábel comarcal, Ana Ermida.

“A defensa dos dereitos das mulleres e da igualdade e a xustiza social non poden deixarse aparcados cando acompañar a quen predica o contrario asegura unha foto ou permite chegar a determinado público. Con este tipo de actitudes, amósase a verdadeira cara do Partido Socialista, a quen non lles importa dicir unha cousa e facer a contraria se con iso evitan confrontacións”, afirman desde o BNG.

“O PSOE demostrou outra vez que non é de fiar, que non ten ideoloxía e que, desde logo, antepón os intereses electorais aos ideais e á defensa das mulleres e das clases populares. A xente debe saber que tipo de actitudes teñen as representantes públicas do Partido Socialista que utilizan os argumentos en función dos intereses electorais, e traizoan a quen confían nelas á primeira de cambio”, concluíu Ana Ermida.

Exit mobile version