Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG leva á Deputación os despidos anunciados pola empresa Vestas en Viveiro

Lugo, 26 de marzo de 2015.- Os nacionalistas presentan unha moción ao Pleno provincial da vindeira semana na que demandan a “implicación da Xunta” con medidas para garantir a viabilidade da factoría e o mantemento de todos os seus postos de traballo e iniciativas que favorezan o desenvolvemento da industria eólica en Galiza.
O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, afirma que “Feijóo non pode mirar para outro lado e deixar tirada unha vez máis á Mariña como fixo antes no caso doutras empresas da comarca que botaron xente á rúa, como Ecar, Hermida ou Sargadelos”.

Veiga lembra que Vestas é unha das empresas que máis factura da Mariña e dá emprego directo a 150 persoas e indirecto a varios centos de traballadores máis.

O BNG denuncia que “a Xunta de Feijóo está a mirar para outro lado mentras se está a desmantelar o tecido produtivo e industrial da comarca da Mariña, a máis dinámica da provincia de Lugo e que aporta o 35% do PIB da provincia”.

Os nacionalistas esixen tamén á Xunta investimentos en infraestruturas na comarca “para que as empresas aquí radicadas poidan ser competitivas”.

O Bloque reuníuse a semana pasada cos traballadores e o comité de empresa de Vestas e solicitou un Pleno extraordinadio do Concello de Viveiro. Levará tamén iniciativas ao Parlamento Galego.

Antonio Veiga acusa aos dirixentes do PP da comarca de “ser cómplices da política de pasotismo e marxinación de Feijóo coa Mariña” e de “cinismo” por “reunirse cos traballadores de Vestas e non facer nada por evitar os despedimentos a pesares de ser os que teñen as competencias na Xunta”.

Exit mobile version