Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG reclama a devolución das competencias na xestión sanitaria para a comarca

A Mariña, 12 de marzo de 2015. O BNG da Mariña a través da súa portavoz comarcal, Ana Ermida, “reclamou a devolución das competencias na xestión sanitaria roubada polo Partido Popular coa aprobación do decreto de xestión integrada provincial que provocou, e segue a provocar, o malestar e a desmoralización do persoal sanitario, dimisións en cadea na dirección do Hospital da Costa e a degradación consciente e programada desde a EOXI de Lugo nos centros de atención primaria da comarca e especialmente no Hospital da costa”.

Ana Ermida puntualiza “que de nada serven substitucións nas equipas directivas no Hospital da Costa cando non teñen capacidade de xestión, por isto desde o BNG, insistimos na demanda de derrogar o decreto de xestión integrada provincial para ser substituído por un de ámbito comarcal con competencias para coordinar asistencia primaria e especializada, e capacidade de contratación e negociación de tu a tu coa Consellaría de Sanidade para que a sanidade mariñá volva existir nos orzamentos xerais da Xunta de Galiza”.

Ao BNG mariñao sorpréndelle que despois de case dúas semanas da “dimisión por inanición” do anterior xerente executivo do Hospital da Costa, Francisco Soriano, nin a xerencia da EOXI de Lugo nin a conselleira de sanidade, saíran a dar ningunha explicación sobre este feito, nin aclaren os motivos de manter durante tanto tempo o hospital sen dirección.

Ana Ermida afirmou que os feitos dan a razón ao persoal sanitario, ao BNG e á poboación mariñá que se mobilizou en numerosas ocasións reclamando unha área de xestión propia para a comarca que nin os alcaldes do PP, nin os dirixentes deste partido, e moito menos as sucesivas conselleiras de sanidade quixeron atender, enganando e menosprezando tanto á poboación, como ao persoal sanitario e aos propios xestores do Hospital da Costa, concluíu Ana Ermida.

Exit mobile version