Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG rexeita a concesión da medalla de ouro da Deputación a Francisco Cacharro Pardo

Lugo, 10 de marzo de 2015. O Bloque Nacionalista Galego rexeita a concesión, a título póstumo, da Medalla de Ouro da Provincia ao ex presidente da Deputación Francisco Cacharro Pardo, falecido este domingo. O voceiro do Grupo Provincial do BNG na Deputación, Mario Outeiro, considera que Cacharro “non reúne mérito extraordinaio algún como para que lle sexa concedida a máis alta distinción da provincia de Lugo”.

O Partido Popular rexistrou este mesmo martes na Deputación unha solicitude neste sentido, algo que o BNG atribúe “á carreira na que están o PP e o PSOE de Lugo nos últimos días por demostrar quen dos dous é máis cacharrista”.

Mario Outeiro considera que “os métodos caciquís cos que Cacharro presidíu a Deputación de Lugo durante 24 anos non deben ser exemplo para ningún gobernante nin deben recibir ningún tipo de recoñecimento institucional”, polo que o BNG, “por coherencia política co que sempre defendeu”, non prestará apoio “aos intentos do PP e do PSOE de pontificar, agora que xa faleceu, a Cacharro e o que el representa”.

Por iso, e igual que nos últimos días o Bloque rexeitou que a capela ardente de Francisco Cacharro Pardo se instalase no Pazo de San Marcos, sede da Deputación, e se desvinculou “por completo” das “decisións unilaterais” do presidente da institución provincial, José Ramón Gómez Besteiro, en relación ao pasamento do ex presidente da Deputación desde 1983 a 2007, os deputados do Bloque non votarán a favor da concesión desta distinción a Cacharro no caso de que esta fose incluída na orde do día do vindeiro Pleno.

Agravio comparativo
Do mesmo xeito que o primeiro presidente da Deputación despois do franquismo, Luis Cordeiro, falecido o 24 de decembro de 2007, non foi velado no Pazo de San Marcos, como si aconteceu esta semana con Francisco Cacharro por decisión “unilateral” de Besteiro, tampouco a Cordeiro lle foi concedida a Medalla de Ouro da Provincia, senón que unicamente recibíu unha Placa de Honra a título póstumo, entregada á familia nun acto moi sobrio o 18 de abril de 2008 coa presenza dos voceiros de todos os grupos políticos da Deputación.

Exit mobile version