Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela organiza diversas actividades para conmemorar o Día Internacional contra a discriminación racial

Burela, 19 de marzo de 2015. A Concellería de Servizos Sociais e Igualdade organiza diversas actividades para conmemorar o día internacional para a eliminación da discriminación racial, que se celebra o 21 de marzo. “O obxectivo pasa por traballar no fomento da igualdade e da non discriminación racial”, segundo explica Diana Durán.

A concelleira popular contou que “o 21 de marzo é o día internacional para a eliminación da discriminación racial polo que por segundo ano vanse convocar dous concursos: II Concurso de Lemas e II Certame de debuxo-pintura”.

“No II Concurso de Lemas poderán participar todas as persoas empadroadas no Concello de Burela e /ou escolarizadas en calquera dos centros educativos do municipio, debendo ser un lema significativo e relacionado co tema proposto e o gañador será o que distinga a celebración deste día para o próximo ano. O II Certame de debuxo-pintura está dirixido aos mesmos participantes e haberá dúas categorías, por grupos de idade, e unha categoría especial para membros da Asociación A Mariña e Eu son. Ambos concursos están abertos ata o día 24 de abril e pódense consultar as bases nas dependencias do Programa de Atención a Inmigrantes na Casa do Concello ou na páxina web municipal”, indicou Diana Durán.

A concelleira de Servizos Sociais sinalou que “para poder deixar doutro xeito o noso mensaxe de non discriminación, tamén estará ubicado na entrada da Casa do Concello, un libro de firmas no que se poderá deixar escrito algo ilustrativo sobre este tema”.

E engadiu que “tamén dende o propio programa se está elaborando o II Plan Municipal de Integración de Inmigrantes, polo que se solicita ás distintas entidades e á poboación en xeral posibles achegas para dar un aspecto o máis integral posible ao traballo; polo que todos os que queiran achegar algunha suxestión ou proposta de traballo pódeno facer no programa de atención a inmigrantes ou mandando un correo a integracioninmigrantes@burela.org. Así, unha das actividades realizadas dentro da área de actuación de acollida e acceso aos recursos, acaba de rematar un curso formativo denominado Obradoiro de habilidades sociais, que tivo tanta demanda que a principios do mes de abril realizárase a segunda edición do mesmo. Con todas estas actividades preténdese fomentar a sensibilización nos valores de convivencia e solidariedade e dar un paso máis cara a integración social”.

Exit mobile version