Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela realiza unha campaña de localización e eliminación de vertedoiros incontrolados

Burela, 3 de marzo de 2015. O Concello está a levar adiante unha campaña de localización e eliminación de vertedoiros incontrolados. Nos últimos días e segundo subliña a concelleira de Medio Ambiente, Patricia López Eijo, foron retirados dous: un na zona da Puída e outro no Camiño Real.

A edil popular explicou que “nos últimos días dende o Concello estase levando a cabo unha campaña de localización e retirada de vertedoiros incontrolados; en concreto téñense detectado nas zonas da Puída e do Camiño Real en dirección a Sargadelos ou nas súas inmediacións. Foron retirados pola empresa concesionaria Celta Prix”.

Patricia López Eijo lembrou que “o punto limpo está aberto os martes e os xoves polas tardes de cinco a sete e os sábados de dez da mañá a unha do mediodía e que alí se poden depositar todos estes restos de obra, de mobles, neumáticos, etcétera, que se foron detectando ao longo das últimas semanas e que nos últimos días foron retirados deses lugares. Ademais o Concello conta con recollida de enseres a domicilio os mércores, previo aviso chamando ao seguinte número de teléfono: 626 27 48 57”.

A concelleira de Medio Ambiente engadiu que “tamén estamos facendo unha campaña de roza en zonas de difícil acceso onde non se fai este traballo de forma habitual, pero somos conscientes de que hai que facelo. Nos últimos días rozouse o noiro do parque de Suafonte, que presenta unha pendente pronunciada. E actuacións deste tipo vanse seguir levando a cabo para manter o ornato que todos queremos para a nosa vila”.

Exit mobile version