Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz orienta para inscribirse nos campamentos de verán para rapaces de entre 9 e 17 anos, que organiza a Xunta

Foz, 25 de marzo de 2015.- A Delegación de Xuventude do Concello de Foz, que dirixe a concelleira Mercedes González Alonso, orienta aos interesados en inscribirse para participar nos campamentos de verán para rapaces de entre 9 e 17 anos, que organiza a Xunta de Galicia.

O Concello de Foz explica que “os mozos e mozas de entre 9 e 17 anos poden solicitar dende hoxe, 25 de marzo, ata o 8 de abril, prazas nos diferentes campamentos que oferta a Xunta de Galicia. A participación na oferta da Campaña de Verán 2015 realizarase mediante a inscrición individual ou múltiple (para os supostos de dous, tres ou catro irmáns ou irmás). As persoas participantes disporán dos seguintes servizos: a) un programa de actividades de carácter sociocultural, recreativo, formativo e convivencial, que posibilite a participación das mozas e mozos; b) aloxamento nun albergue xuvenil, nunha residencia xuvenil ou nun campamento xuvenil; c) manutención en réxime de pensión completa; d) o material necesario para a actividade; e) un equipo técnico de persoal especializado en animación sociocultural e actividades de tempo libre e actividades náuticas, de ser o caso. Así mesmo, e para o caso das persoas con necesidades especiais por razón da súa discapacidade, disporase de persoal de apoio que conte con formación e experiencia para atender as súas necesidades; f) atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes; g) nas actividades desenvolvidas noutras comunidades autónomas inclúese o transporte desde Santiago de Compostela, ou desde o lugar que se sinale como punto de saída, ata o lugar de destino, así como o retorno ata Santiago de Compostela”.

A Delegación de Xuventude do Concello focense engade que “a novidade nesta Campaña de Verán, as quendas IMPLÍCA-T, para mozos e mozas de 14 a 17 anos, engaden un compoñente máis activo e participativo, cunha  programación que, ademais das actividades de ocio, incluirá outras que supoñen unha implicación real a través de accións que evidencien o seu compromiso e achega á sociedade, incorporando actuacións de voluntariado e participación, que ocuparán a metade do tempo de actividades da xornada,  como poden ser a limpeza de praias e outros espazos naturais, a colaboración activa na defensa contra incendios, a dinamización do Camiño de Santiago, a implicación cos colectivos máis desfavorecidos, etcétera. Estas actividades complementaranse coa oferta de actividades de tempo libre relacionadas coa temática de cada campamento. A finalidade é facilitar que os mozos e mozas adquiran e desenvolvan valores, actitudes e aptitudes como o compromiso, a responsabilidade, o traballo en equipo, a confianza nun mesmo, a iniciativa, a comunicación, … que, ademais, son altamente recoñecidos polos empregadores actuais”.

E rematan comentando que “para obter máis información poden visitar o portal de Xuventude: xuventude.xunta.es. A Delegación de Xuventude, dirixida por Mercedes González Alonso, tamén informa e orienta na inscrición para estas actividades. As persoas interesadas poden dirixirse á Casa da Xuventude ou consultar no teléfono 982.13.30.37”.

Exit mobile version