Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Lourenzá pon en marcha un sistema que permite ós veciños comunicar incidencias a través do teléfono móbil

app-louLourenzá, 30 de marzo de 2015. O Concello de Lourenzá acaba de poñer en marcha un sistema que permite aos veciños comunicar incidencias a través dos seus teléfonos móbiles. Foi presentado hoxe pola alcaldesa, Emma Álvarez Chao, e pola concelleira Lupe Flórez Seivane.

“Dende o Concello de Lourenzá vimos de presentar este luns a plataforma City4 denominada Movilízanos Lourenzá, que se trata dunha aplicación para teléfonos móbiles co sistema operativo Android a través da cal os veciños poderán comunicar calquera tipo de incidencia durante as 24 horas do día. Esta aplicación está en período de probas e pasará a funcionar de maneira efectiva despois desta Semana Santa, co cal unha vez pasados estes días vacacionais os veciños poderán dispor dunha ferramenta coa que xestionar as distintas incidencias que haxa ao longo de toda a extensión do noso concello. Desta maneira van confluír nunha única base de datos todas as incidencias que se vaian detectando, tanto pola propia corporación municipal como polos cidadáns, para darlles unha xestión máis directa e rápida”, explicou Lupe Flórez.

A concelleira engadiu que “a administración municipal é a máis próxima ao cidadán e estas aplicacións móbiles que temos ao noso dispor hoxe en día pretendemos poñelas aos servizo dos veciños para que todas as incidencias que atopen ao longo do concello poidan ter unha resposta máis inmediata. Somos conscientes de que moitas veces nos atopamos, por exemplo, cunha farola que leva sen funcionar 15 días e que esa incidencia non é comunicada no Concello e polo tanto non se lle dá resposta. Pero con esta aplicación os cidadáns poderán comunicar de xeito directo todos aqueles danos ou incidencias que atopen e pasarán a formar parte dunha base de datos única para que dende o Concello se xestione o arranxo. Cada incidencia quedará rexistrada coa posición GPS dende onde se emitiu e pode facer referencia a animais abandonados, danos en mobiliario urbano, en estradas, en colectores de residuos ou en espazos verdes, etcétera”.

Exit mobile version