Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo acometerá o arranxo da última fase da remodelación da rúa Ramón González con 87.000 euros

Ribadeo, 3 de marzo de 2015. O Concello acometerá o arranxo da última fase da remodelación da rúa Ramón González. As obras, que darán comezo a vindeira semana, suporán un investimento de 87.000 euros con cargo aos presupostos destes 2015. O alcalde, Fernando Suárez, estalles a dirixir cartas aos veciños e veciñas da zona informándoos do inicio dos traballos e pedíndolles disculpas polas molestias que se poidan ocasionar.

O rexedor dixo que “aínda que nestes últimos tempos teñamos menos actuacións de rehabilitación de rúas e de espazos públicos por mor da situación económica, o certo é que desde que estamos no goberno municipal temos un empeño en ir cambiando a faciana da nosa vila. E agora queremos iniciar as obras deste tramo restante da rúa Ramón González, no que hai dous anos fixemos a metade. Estivemos esperando a ver se a Xunta sacaba nova convocatoria de rúas e de espazos públicos para poder pedir subvención, pero como este ano non a sacou decidimos dende o Concello de Ribadeo financiar integramente esta nova actuación”.

Fernando Suárez indicou que “as obras darán comezo despois de que se fixeran os procedementos de licitación. Pretendemos que a principios desta semana que vén empecen as máquinas a traballar en todo este treito da rúa Ramón González, que comunica a parte dende onde se rematou hai dous anos ata o encontro coa avenida de Galicia. Estas obras supoñen un montante duns 87.000 euros, que están consignados no presuposto municipal deste ano 2015. E unha vez que cambiamos o pavimento, como facemos con todas as demais rúas, hai que modernizar as instalacións soterradas de auga, de saneamento, de subministro de enerxía eléctrica, de telefonía ou mesmo de telecomunicacións. E tamén, como non, vamos aproveitar para plantar árbores, colocar novas farolas e novo mobiliario urbano”.

O alcalde ribadense engadiu: “e, como sempre dicimos, durante o tempo de realización das obras, que será aproximadamente dous meses e medio, seguramente vamos ter molestias, incomodidades, a xente poderá entrar para os seus domicilios sempre pero moitas veces haberá limitacións, sobre todo cando as condicións meteorolóxicas sexan adversas. Pero sempre dicimos o mesmo: para facer tortilla hai que romper ovos e para que as obras queden ben e bonitas e sexan un atractivo e un reclamo para Ribadeo é necesario ter unhas semanas de molestias e incomodidades, que estou convencido de que a xente vai saber entender, á vista do resultado destas outras rúas e espazos públicos que nestes últimos anos viñemos cambiando”.

Suárez Barcia sinalou que “segue esta aposta nosa pola humanización de espazos públicos para mellorar a calidade de vida das persoas que alí viven e dos que vivimos en todo o concello de Ribadeo, para que siga sendo un lugar atractivo para que os visitantes, os turistas e a xente doutros concellos veñan aquí a gozar do noso sector servizos, que é tan importante para nós”.

Exit mobile version