Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo celebra o Día dos Bosques cunha visita á zona de O Costal onde se planta vexetación de ribeira

plantacionRibadeo, 18 de marzo de 2015. Este xoves 19 de marzo, ás 11.30 horas un grupo de alumnos e alumnas dos CEIPs Gregorio Sanz e Sagrado Corazón visitarán a zona de O Costal (entre a Vilavella e As Aceas), onde o Concello está a plantar vexetación de ribeira, en substitución dos eucaliptos que alí había ata hai unhas semanas. O concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro, convida aos xubilados ribadenses a que se acheguen a celebrar esta xornada cos máis novos.

O edil nacionalista explicou que “mañá, 19 de marzo, celebraremos cos colexios Gregorio Sanz e Sagrado Corazón o día internacional dos bosques. Iremos cos nenos e nenas ás 11:30 da mañá á zona de O Costal, onde estes días estamos a proceder á execución do proxecto do cambio de eucaliptos por vexetación de ribeira: carballos, bidueiros, freixos, acivros, cerdeiras, teixos, loureiros, etc… unha biodiversidade de árbores considerable”.

Cupeiro dixo que “con isto o que pretendemos é concienciar aos cativos de que unha educación ambiental sostible é a única forma de beneficiar á saúde humana e á do planeta”. E lembrou que “as árbores axudan a diminuír a contaminación, a combater o cambio climático, a osixenar o aire, a refrescar o ambiente, forman novos ecosistemas e melloran o ciclo da auga, ademais protexen o chan da erosión”.

O concelleiro de Medio Ambiente convida “a todas as persoas, pero sobre todo a aquelas que están xubiladas, a que acudan a ver o que realmente estamos a facer nesa zona e a estar cos cativos. Sería bo que todos nos impliquemos nesta labor de futuro, que é esa plantación que estamos a realizar en O Costal e que queremos seguir por toda a ría cara arriba grazas a un programa Life que tamén temos en marcha. Si todos colaboramos ao final dentro duns anos veremos unha masa con árbores de ribeira, que será un orgullo daquelas xeracións futuras”.

Exit mobile version