Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo remite ó Consorcio Galego de Servizos Sociais un escrito sobre a súa proposta de convenio para o centro de día

“Con data 12 de febreiro de 2015 (NRE 1604/2015) recíbese neste concello proposta de convenio entre o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, a Axencia Galega de Servizos Sociais e o Concello de Ribadeo para a xestión do centro de día radicado neste municipio.

Unha vez lida atentamente a súa proposta, como representante deste concello e no prazo de un mes que con tanta amabilidade nos outorgan, non poden deixar de facerse unha serie de observacións sobre a mesma.

En primeiro lugar, resulta sorprendente que unha vez en vixencia a Lei 27/2013, de 27 de decembro, de racionalización e substentabilidade da Administración Local, que modificou a Lei 7/1985, de 2 de abril, se propoña por parte desa entidade o texto que se recibe no concello.

Lémbrolles que dita norma establece unha reconfiguración das competencias locais, deixando unicamente en mans dos municipios nesta área a avaliación e información de situacións de necesidade social e a atención inmediata a persoas en situación ou risco de exclusión social.

Por outra banda, tamén a mesma norma dispón que con data 31 de decembro de 2015, nos termos previstos nas normas reguladoras do sistema de financiamento autonómico e das Facendas Locais, as Comunidades Autónomas asumirán a titularidade das competencias que se prevían como propias do Municipio, relativas á prestación dos servizos sociais e de promoción e reinserción social e que as Comunidades Autónomas asumirán a titularidade destas competencias, con independencia de que o seu exercicio se viñese realizando por Municipios, Deputacións Provinciais ou entidades equivalentes, ou calquera outra Entidade Local.

En consecuencia, a posibilidade de destinar fondos por parte desta entidade para o exercicio de actividades ou prestación de servizos que non son da competencia municipal, nin existe unha delegación nos termos do artigo 27 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local, nin se atopa tramitado expediente a que se refire o artigo 7.3 da citada Lei 7/1985, de 2 de abril para o exercicio de competencias impropias, pode supor unha vulneración da lexislación vixente á que nos quere conducir a sinatura do convenio proposto.

Por tanto, antes de pensar en asinar o mesmo ou darlle o prace ao texto remitido, solicitamos que se emita e se nos faga chegar informe por parte da asesoría xurídica da Xunta de Galicia sobre a legalidade do procedemento que se pretende e da redacción do proxecto de convenio.

Ademais do anterior, á vista das achegas económicas que se recollen para o concello, e seguindo coa idea de cumprir coas esixencias da lexislación de estabilidade orzamentaria e substentabilidade financeira, de xeito similar ao que se lles esixe aos entes locais antes de pretender a apertura ou modificación das condicións dun centro de titularidade pública, como por exemplo un centro de atención a maiores, requírese que se presente por ese organismo un Plan de viabilidade económica que recolla, como non pode ser doutro xeito, un estudo detallado de custos e ingresos previstos do concreto centro de día do Concello de Ribadeo,para o prazo de duración do convenio, que xustifique as contías esixidas, e que acredite que a achega municipal sería da mesma e exacta proporción que nos restantes concellos galegos, en relación co custo total.

Do mesmo xeito, debería recoller este estudo a valoración que se outorga neste caso ao uso por parte da Xunta de Galicia dun edificio de titularidade municipal para a prestación do servizo.

Sen máis, agárdase con interese a súa pronta resposta, para poder seguir coa análise da posibilidade de subscrición do convenio proposto en cuestión”.

Asdo: FERNANDO SUAREZ BARCIA

Exit mobile version