Site icon Crónica3.com A Mariña

O GPP pide a colaboración da Deputación para a mellora do campo de fútbol de Ribadeo

Rolda de Prensa RibadeoLugo, 27 de marzo de 2015.- O Grupo Provincial do Partido Popular presentou unha moción para o seu debate na sesión plenaria do próximo martes na que insta á Deputación de Lugo a que se implique economicamente para dotar a Ribadeo das instalacións deportivas coas condicións necesarias para a práctica con calidade do fútbol.

A voceira do GPP na Deputación de Lugo, Elena Candia, xunto ao candidato á alcaldía do PP en Ribadeo, Jesús López Penabad, defenderon a “necesidade” e “importancia” desta actuación e tamén a súa urxencia. De feito, sinalaron que a localidade de Ribadeo conta cun campo de fútbol, o Pepe Barrera, cuxo estado actual necesita de melloras urxentes, xa que sofre inundacións constantes que dificultan ou incluso imposibilitan a súa utilización en determinadas épocas do ano.

Penabad, que describiu a deficiente situación actual do estadio, asegura que esta reivindicación nace tanto dos seguidores como dos afeccionados e profesionais que poñen en práctica este deporte.

Candia lembra que o vicepresidente da Deputación declarou nos medios de comunicación que a administración provincial é unha das grandes defensoras do deporte. Así, tendo en conta esta dispoñibilidade feita pública polos responsables provinciais “agardamos que o equipo de goberno apoie esta iniciativa e nos dea unha resposta en positivo. Esperamos que cumpra aquilo do que presume”.

A maiores, tanto a voceira dos populares como o responsable do partido en Ribadeo consideran que non sería entendible que a administración provincial se negase a implicarse con esta proposta cando contribuíu economicamente co arranxo de varios campos de fútbol noutros municipios da provincia, como son O Corgo, A Fonsagrada, Pontenova, Becerreá, Guitiriz, Foz ou Barreiros.

“Estase a erguer como unha administración defensora do deporte, colabora con outros municipios, pero estase a esquecer desta obra en Ribadeo”, explican os populares “polo que vímonos na necesidade de tramitar esta petición a través de sesión plenaria para instalos a que dean unha resposta en positivo a esta reivindicación”.

A popular explica que a falta de dotación económica non pode ser empregada como unha escusa polo bipartito provincial para non atender a esta petición, xa que dende o ano 2008 orzamentouse para deportes máis de 36,4 millóns de euros, e dispoñen de 3,2 millóns para esta anualidade.

Por último, Penabad asegura que “moitos seguidores non logran entender que a área de deportes da Deputación, en mans do BNG, manteñan no esquecemento as necesidades do Pepe Barrera, e moitos menos que o alcalde, da súa mesma cor política, non sexa quen de denunciar esta discriminación de Ribadeo, en comparación co que fan outros municipios”.

Exit mobile version