Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Municipal Popular de Viveiro pregunta sobre a solicitude de axudas cofinanciadas polo FEDER e doutras para concellos turísticos

Antonio J. Bouza Rodil, en representación do Grupo Municipal Popular de Viveiro, realiza á Alcaldesa da Corporación varias preguntas sobre as que desexa obter no próximo Pleno.

No DOG do 13 de febreiro de 2015, publicase a RESOLUCIÓN do 5 de febreiro de 2015 pola que se publican as subvencións concedidas ao abeiro da Orde do 12 de marzo de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións aos concellos galegos para a mellora dos mercados municipais e prazas de abastos, así como dos espazos do comercio non sedentario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

Como queira que Viveiro non aparece en tal relación, os populares preguntan se foi solicitada dita subvención para o 2014. No caso de non tela solicitado queren coñecer o motivo e, en caso afirmativo, os motivos polos que non foi concedida.

Por outra banda, a ORDE do 31 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións aos concellos galegos para a mellora dos mercados municipais e prazas de abastos así como dos espazos do comercio non sedentario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

Dado que o prazo de solicitude desta subvención remataba o 24 de febreiro de 2015, interésase o grupo popular por coñecer se foi solicitada e, en caso contrario, “polos motivos de non facelo”.

Así mesmo, outra resolución, a do 18 de decembro de 2014 establecía as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a concellos declarados municipios turísticos, para a contratación de persoal nas oficinas de turismo nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro, e procede á súa convocatoria para o ano 2015.
Os populares aseguran que “no ano 2014 non a solicitaron, e dado que o prazo de presentación de solicitudes para este ano 2015 rematou o 19 de febreiro, é polo que lle preguntamos á Sra. Alcaldesa se solicitaron dita subvención para este ano 2015”.

Esa mesma resolución establece as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a concellos para o apoio, promoción e difusión ás festas declaradas de interese turístico de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.
Tendo en conta que “no noso Concello temos tres festas que encaixan nesta denominación – Rapa de Candaoso, Naseiro e Festa da Merluza-, e dado que no ano 2014 non solicitaron ditas subvencións e o prazo para as de 2015 rematou o 19 de febreiro, quere mos coñecer se foi solicitada dita subvención para este ano 2015”.

Exit mobile version