Site icon Crónica3.com A Mariña

O grupo popular leva a situación dos traballadores de Vestas ó Parlamento galego

Viveiro, 28 de marzo de 2015.- Os deputados autonómicos Jose Manuel Balseiro e Vidal Martínez-Sierra explicaron este sábado que o Grupo Popular decidiu levar ao Parlamento de Galicia a situación dos traballadores da factoría de Vestas de Viveiro, afectados polo anuncio da presentación de dous expedientes de regulación de emprego.

En concreto, os populares mandatan á Xunta, a través dunha proposición non de lei rexistrada na Cámara galega, a que se involucre, “impulsando as iniciativas ao seu alcance para intentar garantir os postos de traballo e a actividade industrial desta factoría”.

“Como é lóxico esta é unha situación que nos preocupa, e así llo trasladamos ao Comité de Empresa” –afirmou Balseiro- tras amosar a confianza dos populares en que haxa espazo para o diálogo e o entendemento entre traballadores e dirección da empresa, xa incluso durante este período de consultas.

Os populares lembran na exposición de motivos da iniciativa que a decisión de Vestas aboca, a día de hoxe á perda de 54 postos de traballo e ao cese da actividade, durante meses, dos restantes membros do cadro de persoal, “co correspondente impacto laboral e social, que debe terse en consideración”.

O Partido Popular tamén ten anunciadas outras iniciativas na Deputación de Lugo, neste caso, a través dunha proposta de declaración institucional que sería aprobada no vindeiro Pleno provincial, para evidenciar o apoio unánime de todas as forzas políticas aos traballadores que puideran verse afectados polos anunciados EREs. De igual xeito adiantaron a boa disposición da Xunta de mediar no conflito laboral se así o acordan e solicitan empresa e traballadores.

Exit mobile version