Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Popular propón que se xeneralice o aproveitamento marisqueiro do carallo de mar en toda Galicia

Santiago, 28 de marzo de 2015.- O Grupo Popular vén de propoñer a través dunha iniciativa no Parlamento de Galicia que se xeneralice ao conxunto da comunidade o aproveitamento marisqueiro e comercial do holothuria forskali, un equinodermo que está presente nas augas do noso litoral, coñecido popularmente como carallo de mar ou pepino de mar (en castelán).

A través dunha proposición non de lei os populares instan á Xunta a estudar a situación deste recurso e, en función dos resultados do mesmo, autorizar a posibilidade de expandir a súa explotación a outras áreas de Galicia logo de que o pasado mes de decembro o Goberno galego incluíse como novidade, dentro do plan xeral de explotación marisqueira vixente para o ano 2015, o aproveitamento deste recurso, en cuxa campaña participan na actualidade, con carácter experimental, embarcacións da confraría de pescadores de Cangas (Pontevedra).

MÚLTIPLES VANTAXES
O voceiro do Mar dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro, considera que sumar o carallo de mar ao marisqueiro en Galicia tan só traerá vantaxes, pois salienta, que se trata dun produto moi demandado no mercado asiático, onde chega a alcanzar elevados prezos –de ata 150 euros por quilo no caso das especies máis valoradas- pola súa consideración de exquisitez gastronómica e, en España, é moi apreciado en Cataluña e Levante.

Balseiro explicou que a súa demanda en Galicia ata o de agora era escasa, pese a ser un recurso abundante no litoral e Gran Sol e, de feito, víñase descartando. O voceiro popular insiste en que a súa formación política, comprometida cun mellor futuro dos profesionais da pesca e do marisqueo, considera conveniente a análise e procura de mecanismos que permitan a posta en valor deste recurso por parte dos sectores pesqueiro e transformador galego e, máis en particular, a posibilidade de expandir a súa explotación a outras áreas de Galicia.

COMERCIALIZACIÓN: NOVOS INGRESOS
A holothuria forskali é unha das 47 especies de holoturias que se coñecen en Galicia dende a zona litoral ata os 3.000 metros de profundidade. Captúrase e comercialízase en máis de 70 países de todo o mundo e é explotada pola pesca industrial, semi-industrial e artesanal nas rexións polares, mornas e zonas tropicais.

As holoturias comercialízanse evisceradas, fervidas, salgadas e secadas. Tamén é habitual o seu consumo en cru ou en diversas preparacións culinarias e o procesado dalgunhas das súas partes para a elaboración de produtos delicatessen.

De xeneralizarse a súa explotación permitiría obter novos ingresos extra aos profesionais do marisqueo galego, conclúe Balseiro.

Exit mobile version