Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP local faise eco do malestar dos veciños e esixe o arranxo das estradas da Deputación que comunican as parroquias do interior de Ribadeo

Ribadeo 28 de marzo de 2015.- O Partido Popular de Ribadeo faise eco do malestar dos veciños das parroquias do interior de Ribadeo que se concentraron esta mañá para esixir melloras nas estradas da Deputación provincial que comunican esta zona.

Veciños das parroquias afectadas esixiron á Deputación de Lugo o arranxo das vías LU-P-5203, LU-P-5204 e LU-P-5205; reivindicacións que recibiron os populares durante as reunións veciñais mantidas polas parroquias e derivadas do mal estado dunhas estradas co firme moi vello e con presenza xeneralizada de baches.

Así, a través dun rogo, os populares trasladarán esta demandas dos veciños no próximo pleno da Deputación Provincial que se celebrará o próximo martes.

Abandono por parte da Deputación
Penabad explica que, estas estradas de titularidade provincial que permiten a comunicación entre as parroquias de Arante, Cedofeita, Santalla de Vilausende e Couxela, presentan un deplorable estado. A falta de actuación durante anos por parte do organismo responsable levou a numerosos veciños a denunciar publicamente o mal estado destas estradas e a esixir actuacións inmediatas.

Os veciños afectados ante a inacción da Deputación
O candidato popular explica a importancia destas estradas xa que se tratan de infraestruturas viarias “moi recorridas, con gran afluencia de tráfico e que se converten na principal vía de saída para estes veciños”.

En concreto, Penabad engade que estas estradas de titularidade provincial permiten a comunicación dos veciños coa N-640 (saída cara Lugo e Asturias) e discorren por unha zona cun importante potencial agrícola ademais de soportar, polo tanto, tráfico pesado.

Por último, Penabad tamén pediu ao alcalde do municipio que se preocupe polos veciños das parroquias e que realice as xestións oportunas coa Deputación Provincial para que o ente lucense atenda ás demandas dos usuarios destas vías e rompa coa súa negativa a realizar actuacións nestas estradas.

Exit mobile version