Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pide ó Goberno que consolide os mecanismos de control no mercado lácteo

castosa-senadoO Pleno do Senado aprobou este mércores 11 de marzo unha moción do Grupo Parlamentario Popular, na que se insta ó Goberno a manter e reforzar, no caso de que sexa necesario, os mecanismos de vixilancia do mercado lácteo. O senador do PP por Lugo, Armando Castosa, encargado de defender a moción, destacou que “é necesario continuar protexendo ante as institucións comunitarias ao sector ante o novo escenario que se presenta coa liberalización do mercado?.

As cotas lácteas, é dicir, o límite anual á produción que establece a Unión Europea para cada Estado membro, desaparecen definitivamente o próximo mes de abril. Armando Castosa explicou que “España goza dunha posición única para que a súa eliminación non sexa traumática, xa que o noso país ten un 25 por cento de consumo sen cubrir e un potencial grande de crecemento en queixos e derivados”.

O senador por Lugo enfatizou que, “nestes momentos, nos que o sector está a piques de tomar un novo rumbo, é máis importante que nunca, que o Executivo continúe defendendo, no seo da Unión Europea a necesidade de dispoñer de mecanismos indicadores e directrices de actuación en caso de crise no seo do observatorio lácteo creado pola CE”.

Na súa intervención no Pleno da Cámara Alta, Castosa insistiu na necesidade de “reforzar a posición negociadora dos produtores e mellorar os instrumentos para contrarrestar os efectos da volatilidade dos prezos e facer fronte a posibles crises”. O senador lucense destacou a importancia de dotar dunha maior seguridade xurídica e transparencia a todas as relacións comerciais na cadea láctea.

Armando Castosa destacou que, a través da moción, preténdese apostar pola consolidación das medidas incluídas no “Paquete Lácteo” (aprobado no Consello de Ministros do pasado 27 de febreiro), que establece contratos obrigatorios entre gandeiros e industrias de, como mínimo, un ano e a obrigación de que as empresas faciliten a oferta contractual ao productor con, polo menos, dous meses de antelación para conseguir, dixo, instaurar “o contrato a longo prazo como práctica habitual”.

EVITAR A DESLOCALIZACIÓN
Castosa insistiu en que o obxectivo último é “apostar por ferramentas de apoio directo aos gandeiros para evitar procesos de deslocalización especialmente nas zonas rurais, as que poden verse máis afectadas pola eliminación do sistema de cotas. O senador por Lugo destacou que as medidas repercutirán de forma especial en Galicia, “onde se produce máis do 50% da cota nacional e onde o sector lácteo é un sector estratéxico”.

O sector lácteo español realizou un importante esforzo de mellora da alimentación e a competitividade das explotacións ao longo dos últimos anos. Armando Castosa recalcou que a finalidade da moción é reforzar esa competitividade. Para iso, dixo, pídese ao Goberno que reforce os mecanismos de vixilancia para evitar as prácticas abusivas por parte das empresas.

O texto íntegro da moción é o seguinte:

O Senado insta ao Goberno a:

1. Continuar cos mecanismos de vixilancia e monitorización do mercado lácteo, con vistas a reforzalos no caso de que sexa necesario e co fin de adoptar as medidas que se consideren oportunas, de acordo coa normativa comunitaria e de competencia.

2. Continuar defendendo ante as Institucións Comunitarias a necesidade de dispoñer de mecanismos indicadores e directrices de actuación en caso de crise no seo do observatorio lácteo creado pola Comisión Europea (CE).

3. Apostar pola consolidación e desenvolvemento das medidas do Paquete lácteo como instrumentos de trasparencia estabilidade e reforzamento da posición negociadora dos productores.

4. Analizar a posibilidade de mellorar os instrumentos existentes e poñer en marcha outros novos para contrarrestar os efectos da volatilidade dos prezos no sector e facer fronte a posibles crises.

Exit mobile version