Site icon Crónica3.com A Mariña

O Praias de Barreiros FS proclámase campión da Liga Provincial masculina de fútbol sala de Lugo

O conxunto barreirense impúxose en Sarria por 2 goles a 6 á Peña Españolista, unha vitoria que o confirma como o campión da Liga Provincial masculina de fútbol sala de Lugo a falta de 6 xornadas para o final da competición. O primeiro posto acadado de forma matemática conleva tamén o ascenso directo á Liga Autonómica de fútbol sala.

O Praias de Barreiros saiu moi concentrado á pista do Pavillón José Mario González (Chanto) de Sarria e 2 goles de Sergio nos primeiros minutos puxeron por diante ó cadro barreirense que se marchou ó descanso cun 1-4 a favor. Os integrantes do conxunto local non baixaron os brazos e atacaron toda a segunda parte con porteiro-xogador, os barreirenses defenderon a renta e aproveitaron as ocasións que tiveron para ampliar a vantaxe ata o 2-6 final.

O Praias de Barreiros leva unha racha imparable na súa primeira tempada na Liga Provincial, contando os 14 encontros disputados ata o momento coma vitorias, con 78 goles a favor e tan só 21 en contra. Uns resultados que sumados ós 2 encontros que lle restan por disputar ó cadro barreirense ante o excluído Ribeiras do Neira (e que se resolverán por 3-0), garantizan o primeiro posto ó final da tempada. O conxunto barreirense descansará precisamente esta vindeira fin de semana por este motivo. Volverá á competición o vindeiro 14 de marzo na pista do Cubelas FS.

Exit mobile version