Foz 18/03/2015.- O PSdeG-PSOE de Foz manifesta o total apoio á mobilización cidadá convocada pola Plataforma Sanitaria da Mariña en defensa dunha sanidade pública de calidade e fai un chamamento a cidadanía para acudir este xoves 19 ás oito da tarde ao Hospital da Costa.
Queremos que a asistencia sanitaria sexa dirixida dende aquí e non dende Lugo e sumámonos á demanda de derrogación do decreto de xestión integrada provincial e a esixencia da volta da área sanitaria de xestión propia da Mariña.
Un decreto de xestión integrada que solo nos trouxo recortes, estamos vendo a cada día que pasa mais derivacións de enfermos aos especialistas no HULA de Lugo ou a centros privados, que non se cobren as baixas, que se eliminan prazas de médicos, pediatras ou persoal sanitario nos centros de saúde, que as escasas contratacións son por horas ou días, que servizos anunciados a bombo e platillo coma a hospitalización a domicilio estean en precario e sen persoal suficiente, a progresiva privatización de servizos, o aumento das listas de espera etc.
É a hora de dicir ben alto que queremos que as decisións que afectan á saúde dos mariñáns se tomen na Mariña, no noso Hospital da Costa, e non a 100 km de aquí. Xa que sen un presuposto propio e sen capacidade de xestión e decisión pouco se pode facer para reducir as listas de espera ou cubrir as necesidades de material, infraestructuras ou persoal o que redunda nun grave deterioro da atención dos doentes e no dereito dos mariñáns a ter unha sanidade de calidade.
Motivos non faltan para acudir á manifestación de mañá e así o faremos os socialistas de Foz. É o momento de defender unha sanidade pública, universal e de calidade ante os continuos ataques que esta sufrindo por parte do Partido Popular e os seus gobernos nas distintas institucións.