Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE pide aos Gobernos do PP que “deixen de lado a súa indolencia” e asuman as súas responsabilidades no saneamento de Barreiros

psoebarreiros-depuradorareinanteBARREIROS, 4 DE MARZO DE 2015.- Os deputados autonómicos –Juan Carlos González Santín e José Ramón Val-, e a candidata á Alcaldía de Barreiros –Carmen Veiga- instaron este mércores aos Gobernos do PP que “deixen de lado a súa indolencia” e asuman as súas responsabilidades no saneamento de Barreiros. Por este motivo, e tendo en conta que, precisamente por esta causa, en diversas ocasións se produciron verteduras de augas e con restos fecais ao mar, os socialistas en resposta á petición da alcaldable, pedirán ao Concello e ao Executivo galego que adopten as medidas que sexan necesarias para atallar este grave problema que tanto malestar está a causar na cidadanía nos últimos anos.

“Os veciños xa están fartos de que o Alcalde faga oídos xordos. Por iso, solicitamos a colaboración da administración autonómica”, explicaron. A este respecto, lamentaron que sexan precisamente os cidadáns os que estean sufrindo “a nefasta” xestión do Partido Popular, de aí que pidan ao Goberno galego que tome medidas “de forma inmedidata”, pois estas deficiencias no servizo foron tamén as responsables de que noutrora praias como a de Arealonga perdesen a bandeira azul.

Deste xeito, sinalan que levan esta asunto á Cámara galega porque “non se trata dun problema puntual”, senón que cada vez que chove as depuradoras desbordan e verten os residuos “creando un estercoleiro nas vías públicas”, afirmaron Val e Santín.

15 parroquias sen servizo
Tan só a zona norte do municipio dispón deste servizo. No resto, segundo indicou a alcaldable socialista, “non hai nin un só centímetro de rede de saneamento, de aí que as prazas e as cunetas estean continuamente anegadas”. Esta carencia é a que provoca que, na actualidade, aínda existan 16 parroquias sen esta dotación. Son as seguintes: Celeiro de Mariñaos, San Xusto, Cabarcos, Gondán, Rigueira, Ibia, O Morteiro, Vilamar, Vilamartín Grande, Vilamartín Pequeno, A Cabana da Vella, A Insua, Santiago de Reinante, San Miguel de Reinante e, finalmente, San Pedro e San Miguel de Vilar, estas últimas en San Cosme.

E, nesta situación, dixo, “un dos maiores responsables é o Alcalde, pois durante o Goberno bipartito os socialistas, a través dos fondos FEDER, impulsaran un programa por importe de 3 millóns de euros para o saneamento de Celeiro, Vilamar e San Xusto que, finalmente, rematou metido nun caixón”.

“Deixación de funcións do Rexedor”
Os problemas no saneamento tamén afectan ao consumo doméstico. Dende o mes de outubro, veciños de varias localidades están a ter problemas para beber auga das billas e para empregala para ducharse, debido ao algo grao de suciedade que trae. Deste xeito, a cor amarillenta e incluso a presenza de terra fan que o subministro non sexa óptimo para o consumo doméstico. Para os socialistas resulta “indignante” que, malia criticar esta cuestión en varias ocasións, o Goberno local continúe “facendo caso omiso das nosas queixas e as de tantos veciños que, cada ano, se atopan con esta situación”. Neste senso, consideran que se trata “dunha clara deixación de funcións por parte do Rexedor, pois, por outro lado, ben que subiu as taxas de abastecemento…”. Concretamente, Carmen Veiga precisa que “en Barreiros pasamos de pagar algo máis de 20 euros a 35, é dicir, o Sr. Fuente Parga aumentounos o recibo un 43%. Así é como xestiona o Partido Popular de Barreiros. Auméntanos os impostos e déixanos sen un servizo básico”.

Queixa reiterada
E é que estes problemas son, segundo destacaron os socialistas, “unha queixa reiterada” da cidadanía. Neste senso, lembraron o episodio acontecido este verán nalgunhas parroquias como a de Santiago de Reinante, e cuxos veciños soportaron continuos cortes no subministro de auga durante o período estival.

Estas interrupcións producíanse maioritariamente pola mañá e pola noite, aínda que tamén se rexistraron nas horas centrais do día. Para a secretaria Xeral da agrupación local do PSOE e candidata á Alcadía esta foi unha situación “absolutamente bochornosa”, xa que o Rexedor, en diversas ocasións e en distintos Plenos municipais, se comprometeu a buscar unha solución a dito problema.

“Resulta intolerable que teña neste estado aos seus veciños. Somos un municipio que vive do turismo, a imaxe que estamos dando é lamentable”, concluíu Veiga.

Exit mobile version