Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE solicita á Xunta a dotación doutro pediatra en Foz para garantir a atención aos nenos dos tres concellos que dependen deste centro

Foz, 27 de marzo de 2015.- O deputado autonómico e voceiro de Pesca no Parlamento de Galicia –José Ramón Val Alonso- anuncia que vén de rexistrar na Cámara galega varias iniciativas para pedir ao Goberno de Feijóo que garanta a calidade asistencial do servizo de Pediatría do centro de saúde de Foz, pois a falta de profesionais está a provocar serias dificultades para atender “en tempo e forma” as necesidades das familias que contan con nenos pequenos e das preto de 1.400 tarxetas sanitarias que ten no seu cupo.

Tendo en conta estas carencias, o deputado mariñano critica “o triunfalismo esaxerado e desproporcionado” que vén de amosar o presidente da Xunta tanto no Parlamento como na presentación do Plan Director da Costa á hora de defender a súa xestión sanitaria. “Desgraciadamente para os cidadáns da Mariña, así como para o resto dos galegos, as políticas do Sr. Feijóo supuxeron e están a supoñer un retroceso constante na calidade de todos e cada un dos servizos de carácter público que se viñan prestando na Comunidade, dende a Educación, pasando polos servizos sociais ata chegar tamén á propia Sanidade”, indica.

Concretamente, os socialistas instarán ao Executivo a dotar doutro especialista ao centro, de xeito que se cubra con garantías a atención sanitaria dos nenos dos concellos de Foz, Alfoz e O Valadouro, que son os que acuden a este punto sanitario. Asemade, pedirán que se repoñan os medios humanos de todos os centros de atención primaria da comarca que nos últimos anos experimentaron unha diminución da plantilla ao non cubrirse as xubilacións dos facultativos.

“Pediremos á consellería de Sanidade que o ambulatorio retome o servizo normal, de modo que este non se vexa recortado nin en canto ao tempo nin en persoal, pois do contrario estaríamos ante o que sería un novo plan para acabar coa atención sanitaria a nivel local e provincial. O que reclaman estes veciños é un dereito. Por iso, no Parlamento esixiremos responsabilidades, pois este Goberno estanos levando a unha desfeita sanitaria sen precedentes”, denuncia Val.

Máis respostas do socialistas
A demanda dos veciños de Foz non é a única petición que atenden os socialistas nesta materia e nesta comarca. Recentemente, reclamaron na Cámara galega á Xunta que garanta “a calidade sanitaria asistencial” aos veciños de Riotorto e Mondoñedo, e que tamén están “a sufrir unha auténtica precaridade neste senso”, ao non dispoñer de consulta médica cando hai unha emerxencia no primeiro caso e, de pediatra, no segundo.

E é que, para os representantes do PSOE, a falla de facultativos nestes centros de saúde, non é máis que outra consecuencia dos continuos recortes do Partido Popular. A este respecto, destaca Val, “a falla de profesionais sanitarios e o empeoramento da calidade asistencial no sistema sanitario provincial, vén a demostrar que non faltamos á verdade cando no seu momento dixemos que os Orzamentos da Xunta de 2015 eran unha pantomima e unha nova burla aos cidadáns, e que marcaban a folla de ruta dun Goberno que continúa sen ter previsións para a nosa provincia”.

“A política redutora da Xunta”
Por tanto, para o deputado autonómico o que está a pasar en Foz é consecuencia “da política redutora da Xunta”, plasmada tamén no anuncio de reducir facultativos nos concellos de menos de 2.000 habitantes. Trátase esta dunha medida que, de levarse a cabo, afectaría a un total de 24 municipios, é dicir, a 32.765 habitantes.

Precisamente, neste recorte, a Mariña, con 7.757 veciños, sería a segunda comarca máis afectada da provincia. Tan só estaría superada pola Montaña. Neste caso, son 7 os concellos que se verían prexudicados, o que supón preto de 8.300 cidadáns. Seguiríalle Sarria, con outros catro concellos e 5.755 habitantes; Terra Chá, con 4.969 e catro concellos; Zona Sur, con tres municipios e 4.632 cidadás e, por último, a comarca de Lugo, con preto de 3.400 veciños residentes en dous municipios. Deste xeito, as localidades nas que se eliminarían médicos serían as seguintes: Baleira, Bóveda, Cervantes, Folgoso do Courel, O Incio, Meira, Muras, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Ourol, O Páramo, Pedrafita do Cebreiro, Pobra de Brollón, Pol, Portomarín, Rábade, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Riotorto, Samos, Trabada, Triacastela e O Vicedo.

Exit mobile version