Unha vez rematado onte o prazo de inscrición, nos vindeiros días colgaranse na páxina web provincial www.deputacionlugo.gal as listas de admitidos e excluídos, e arrancará o proceso de selección, que estará rematado a mediados deste mes de marzo e consistirá na valoración de méritos e do currículo, ademais dunha entrevista. Seguidamente, publicarase a lista de persoas seleccionadas e comunicaráselle ás 221 empresas e entidades sen ánimo de lucro beneficiarias o traballador ou traballadores que lles foron asignados. As propias entidades ocuparanse da súa contratación, cumprindo coa modalidade contractual e pola xornada laboral establecida na solicitude da axuda. O contrato deberá formalizarse na última semana de marzo.