Site icon Crónica3.com A Mariña

O saneamento, o estado da depuradora e as vías municipais, os temas que máis preocupan á veciñanza de Reinante

Barreiros, 4 de marzo de 2015. Tras visitar as parroquias do interior do concello durante o mes de febreiro, o BNG de Barreiros continúa coas xuntanzas por parroquias; iniciando na tarde de onte as reunións que celebrará na zona costeira. A primeira delas foi en Reinante, onde reclamacións que xa foron levadas a diferentes institucións polo BNG, foron tamén evidenciadas pola veciñanza.

Así, as veciñas e veciños reclamaron o arranxo das vías municipais, que “sofren un absoluto abandono”. Mais tamén apoiaron a reclamación que leva anos realizando o BNG barreirense a respecto da necesidade de mellorar a depuradora situada á beira da praia de Arealonga. “Este problema foi tratado no pleno do concello en varias ocasións a iniciativa do BNG, que solicitou solucións para os olores e verquidos desta depuradora”, explica a portavoz municipal, Ana Ermida. “Sempre que se levou alí, foi minimizado polo Partido Popular, chegando a dicir que o inventábamos para chamar a atención. E nunca ninguén fixo unha proposta para solucionalo, salvo o BNG”; continúa.

Deste xeito, lembran que “o BNG chegou a presentar emendas aos orzamentos da Xunta para que se realizaran traballos na depuradora para garantir o seu funcionamento e capacidade para evitar os vertidos que todos os anos se repiten na praia de Reinante.”

Tamén o saneamento integral da parroquia, que leva reclamando anos o BNG, foi demandado polas persoas asistentes. “É un escándalo que, cando se trataba de construír saneamento nas urbanizacións ilegais para dotalas dos servizos que tiñan obriga de ter, o Partido Popular estaba disposto a poñer 14 millóns de euros públicos. Pero, en canto o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza lles dixo que iso era ilegal, non houbo máis xestión e a Xunta non destina nominativamente a Barreiros neste ano nen un só euro”, afirma Ana Ermida.

Entre os temas tratados na xuntanza tamén destacou “a demanda para que se finalicen as obras na estrada de acceso á praia case seis meses despois de terse iniciado e, tendo en conta que estiveron practicamente dous meses paradas, ata que a presión veciñal e o traslado da mesma ao pleno municipal por parte do BNG, obrigou ao goberno popular a reiniciar os traballos.” A portavoz municipal, explicou que “a execución desta obra é o exemplo palpable do xeito de gobernar do PP en Barreiros: falta de planificación, improvisación e discriminación en función de quen sexan as persoas afectadas”

O grupo nacionalista valora “moi positivamente as achegas que están realizando todas as persoas que teñen tomado parte nas reunións ata este momento” e aseguran que “este é o mellor xeito de traballar polo concello, coñecendo as necesidade e levando as demandas veciñais ás institucións, como vén facendo o BNG a diario.”

Exit mobile version