Site icon Crónica3.com A Mariña

Os laranxas, de Copa en Copa

Despois da gran xesta, de facer historia na Copa de España Cidade Real 2015, o Burela FS Pescados Rubén embárcase nun novo reto de Copa. O cadro de Juanlu disputará as semifinais da Copa Galicia, a partido único, este mércores na pista do Parrulo Ferrol, de Segunda División (A Malata, 21.15 horas).

A escadra mariñá chega a esta rolda tras impoñerse ao Mosteiro Bembrive (2-5), de Segunda B, e os ferroláns impuxéronse en cuartos ao Cidade de Narón (2-3).

O corazón, a garra e a coraxe dos semifinalistas da Copa de España deixou certas secuelas na enfermería laranxa. Ás baixas de Edu e Isi, que xa non puideron xogar en Cidade Real por un dedo roto dun pé o gardameta e unha luxación de ombreiro o andaluz, súmanse Bellvert e Carlitos, que non puideron rematar o partido ante o Jaén Paraíso Interior, afectados por unha meniscopatía e unha bursite nun xeonllo respectivamente. Tampouco estará Matamoros, que cumprirá o encontro de suspensión co que foi amoestado en cuartos por unha expulsión. Xunto aos canteiráns habituais do vestiario laranxa, Hélder, Renato, Ángel e Erik, incorporaranse á expedición os xuvenís do Burela FS B Rubén e Aitor.

A outra semifinal decidirase o venres, 20 de marzo, entre Prone Lugo AD e Santiago Futsal (Municipal de Lugo 18.00 horas).

Convocatoria provisional Burela FS Pescados Rubén: Iago Míguez, Behroz, Chano, Álex, Miguel, Erik, Antoñito, Renato, Ángel, Hélder, Rubén, Aitor.

Exit mobile version