Site icon Crónica3.com A Mariña

Os médicos do Hospital da Costa lamentan a marcha do xerente, o doutor Francisco Soriano

Ante a marcha do xerente do Hospital da Costa, os médicos queren manifestar o seguinte:

“O Dr. Francisco Soriano demostrou ser un excelente profesional no exercicio do seu cargo como Xerente Executivo deste Hospital. Desde o primeiro día da súa incorporación entendeu o moito que significaba para todos traballar no Hospital da Costa. E desde o primeiro momento soubo involucrarse no quefacer diario dos seus traballadores, en especial dos seus facultativos.

Comprendeu, como o comprenderon case todos os xerentes que por aquí pasaron, as características especiais deste Hospital e da Mariña en xeral, o seu especial idiosincrasia. Sempre tivo coñecemento do estado de desánimo e frustración que existía entre os traballadores desde a creación do Área integrada con Lugo; e sabéndoo, sempre tivo palabras de ánimo e un espírito constructivo. Nunca tivo unha queixa pública sobre os seus xefes de Lugo, cando tivo motivos máis que suficientes para telas. Iso hónrao.

Veu a este Hospital pensando que ía ter capacidade de actuación, capacidade para tomar decisións, capacidade para acertar ou equivocarse, capacidade para manexar un orzamento, en definitiva, capacidade para xestionar este Hospital. Oxalá o conseguise. Pero nunca o puido facer. Nunca llo permitiron.

Respecto de nós, quedamos orfos do noso único valedor ante as autoridades da EOXI. Esas autoridades sanitarias que levan 10 meses sen cubrir a praza de Director Médico, nun intento de demostrar a súa suficiencia para xestionar a distancia os intereses sanitarios da Mariña. Esas autoridades sanitarias que día a día mostran a súa desafección pola nosa comarca e polos seus traballadores da sanidade.

Os facultativos do Hospital da Costa desexámoslle ao Dr. Soriano que teña o máximo éxito no seu novo destino. Capacidade sóbralle, e cremos que o ten merecido. Neste Hospital deixa un bo número de amigos”.

Exit mobile version