A música tradicional será a indiscutíbel protagonista desta entrega de inverno dos “Concertos na intimidade” a través dos temas dos Minhotos, que combinan no seu repertorio o arranxo de temas tradicionais con outros de autor e colaboracións de instrumentistas procedentes doutras formacións.
Co acompañamento vocal das oito mulleres das Zoelas, conxunto de recente creación en vías de se consolidar como proxecto musical independente após nacer dentro dun grupo de música tradicional orixinario do concello de Antas de Ulla, Os Minhotos interpretarán, alén doutros, os temas do seu disco “Pinga d’auga”.
Os Minhotos combinan a estética e gusto da formación tradicional coas harmonizacións clásicas, mesturando o son das gaitas e a percusión tradicionais co timbre da zanfona, o acordeón, a requinta e o clarinete; o seu repertorio é variado e alterna a música de autor coa tradicional. En palabras do conxunto: “Os Minhotos é o resultado do aprezo de cinco músicos galegos pola música do seu País: Galiza; sen aditivos, tanto na forma coma no fondo”.
O prezo xeral das entradas deste “concerto na intimidade” do sábado é de 5 €, sendo gratuítas para todas as persoas “nacidas neste século”, tamén como xeito de facilitar o achegamento da xente máis nova á nosa música tradicional. As entradas pódense reservar a través do correo-e fundacion@manuelmaria.com ou telefonicamente a través do teléfono 698 177 621. A xente deberá retiralas o mesmo sábado na Casa-Museo entre 1 hora e 15 minutos antes do inicio da actuación: a partir dese momento, poranse á venda entradas ao mesmo prezo para quen non tiver reserva previa feita, sempre e cando aínda houber aforo dispoñíbel. Cabe recordar que o aforo do auditorio da Casa de Hortas é limitado, polo que se recomenda reservar previamente.
Por cortesía dos Minhotos, todas as persoas asistentes ao concerto recibirán un pequeno agasallo de recordo que se dará a coñecer durante a actuación.