Site icon Crónica3.com A Mariña

Os restaurantes do porto ribadense La Solana, Marinero e San Miguel celebran a terceira quincena do mar entre o 4 e o 18 de marzo

3-xornadas-marRibadeo, 3 de marzo de 2015. Os tres restaurantes do porto ribadense (San Miguel, Marinero e La Solana) celebran a terceira edición da súa Quincena do Mar desde este mércores 4 de marzo ata o mércores 18 deste mes.

Cada restaurante elaborou unha carta especial para estas xornadas e en todas elas hai racións degustación a 6 euros, preparacións de peixes desde 17 euros e un menú con tres entrantes, prato principal, sobremesa e bodega por 30 euros. O viño recomendado é Marieta, da bodega Martín Codax.

Na presentación da terceira Quincena do Mar o propietario e xefe de cociña do restaurante La Solana, José Blanco, explicou que “estas son xa as terceiras xornadas do mar que facemos os tres restaurantes do peirao de Ribadeo. É unha experiencia que fixemos os dous anos anteriores e, como funcionou bastante ben, decidimos repetila nestas datas, que son tranquilas. Imos ter o mesmo formato que nas edicións pasadas, ofrecendo unhas racións degustación a 6 euros, que é un prezo moi asequible para que todo o mundo poida ir aos tres sitios e probar varias cousas en cada un. Ademais en cada restaurante haberá seis pratos distintos elaborados con peixes a prezos que van desde 17 a 22 euros”.

O responsable do restaurante Marinero, Roberto Rivas, comentou que “estamos nunha tempada na que temos produtos do mar a bos prezos e que imos elaborar co maior agarimo e ofrecelos a uns prezos económicos para que todo ou mundo poida gozar destes manxares do mar durante estes 15 días nos que imos celebrar estas xornadas”.

O copropietario e xefe de cociña do restaurante San Miguel, José Ramón Rodríguez, engadiu que “nos tres locais haberá un menú degustación, que en cada restaurante se cambiará todos os días e leva tres entrantes, un prato principal de peixe, sobremesa e bodega. O prezo é de 30 euros por persoa”.

Exit mobile version