Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas reivindican unha igualdade real e efectiva en materia de emprego no Día Internacional da Muller Traballadora

LUGO, 7 DE MARZO DE 2015.- Con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora, que se celebra o 8 de marzo, os socialistas celebraron este sábado, un almorzo informativo co obxectivo de reivindicar unha igualdade real en materia laboral de homes e mulleres.

As Secretarias de Economía e Política Social da Executiva Provincial – Pilar García Porto e Ana González Abelleira- xunto coa Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo –Lara Méndez- promoveron e mantiveron unha xuntanza con diversos colectivos de mulleres da provincia de Lugo na que compartiron as súas impresións sobre as necesidades básicas e reais que fagan posible a igualdade no emprego, así como a incorporación das mulleres a todos os postos de responsabilidade ou a igualdade salarial. As participantes neste acto manifestaron a “imperiosa necesidade de promover unha igualdade real e efectiva en todas as políticas públicas e na sociedade en xeral”.

Formaron parte deste almorzo informativo representantes de asociacións de mulleres de diversos ámbitos da provincia de Lugo: a Asociación de Mulleres Empresarias, a Asociación de Mulleres Autónomas, o Secretariado Xitano, Unións Agrarias, Asociación de Mulleres con Discapacidade ACADAR, FSP-UGT, o Colectivo de Mulleres Inmigrantes e Xuventudes Socialistas.

Perda de 447 millóns de euros para as traballadoras da provincia
Nesta xuntanza analizouse en profundidade a fenda salarial entre homes e mulleres, unha diferenza que se foi agravando coas políticas de recortes e axuste do Goberno de Mariano Rajoy. As mulleres gañan a nivel nacional, un 23´93% menos, isto quere dicir que as mulleres teñen que traballar 84 días máis ao ano para percibir o mesmo salario que un home, fenda que tamén aumenta en Galicia chegando ata o 24´2%. Segundo os datos, as 50.000 mulleres traballadoras que hai na provincia, debido a diferenza salarial cos homes estimada 8.955 euros ao ano, están a perder un total de 447 millóns de euros. Tráse de cifras que, lonxe de mellorar, están a empeorar coa ausencia de políticas activas e efectivas de igualdade.

Os socialistas denuncian ademais, que debido aos axustes económicos do Goberno, as mulleres teñen moitas máis dificultades para acadar un emprego, e cando o acceden a el o fan en peores condicións, con maiores taxas de temporalidade e con máis contratacións a tempo parcial. Esta situación agrávase co escaso número de políticas de igualdade entre mulleres e homes promovidas polos Gobernos Populares. De feito, chegaron incluso a entorpecelas, como no caso de Galicia onde os socialistas aprobaran a Lei do traballo en igualdade das mulleres pero o Goberno de Feijoo paralizou o seu desenvolvemento.

Cifras alarmantes
Para o PSOE “nos atopamos así ante unha situación discriminatoria insostible que se está a agravar co desmantelamento do Estado do Benestar e cos reformas laborais promovidas polo Goberno do PP”. Neste senso, explican os socialistas, “as cifras son alarmantes, xa que preto do 27% das mulleres galegas atópanse en risco de exclusión social”.

As mulleres galegas gañan 2´34 euros menos que os homes galegos por hora e tamén dous euros menos que a media das mulleres españolas. Galicia é a comunidade onde as mulleres perciben un salario bruto medio anual máis baixo, un 14´38% menos que o resto do Estado, é dicir, uns 2.800 euros menos ao ano. No caso dos contratos a tempo parcial as mulleres perciben un salario medio anual un 25´9% e nos que os homes na mesma modalidade, e dun 11% no caso dos contratos a tempo completo.

Compromiso co emprego en igualdade
Tendo en conta todos estes datos, o PSOE mostra a súa preocupación pola situación que están a soportar moitas mulleres, moi prexudicadas pola crise, e comprométese a loitar por unha mellora das súas condicións laborais. Os socialistas consideran que tanto o Goberno de Rajoy como o de Feijoo deben asumir as súas responsabilidades políticas neste eido e fomentar políticas activas de emprego en igualdade de oportunidades, que igualen as prestacións das mulleres coas dos homes, con pensións tamén igualitarias, e encamiñadas a compaxinar a vida laboral e familiar.

Ao remate da xuntanza as participantes comprometéronse a convocar novas sesións para continuar traballando en prol da igualdade, nas que as participantes propoñan ideas e proxectos que se podan levar a cabo para mellorar a situación das mulleres no entorno laboral.

Exit mobile version