O Mirante.-En marzo asistimos á volta do PP á primeira posición, debido ao intercambio de posicións con Podemos, que perde apoios por segundo mes consecutivo e esta vez con maior intensidade.
O PSOE mantense entre os 20 e os 22 puntos durante todo o primeiro trimestre, o que suxire unha certa estabilidade nese chan.
A maior variación na nosa estimación é o crecemento de Ciudadanos durante o último mes, que o converte na cuarta forza. Porén, este medre é moi inferior ao que din os medios de PRISA (El País e a Cadena Ser. Véxanse senón os efectos ‘caseiros’ de Metroscopia e MyWord para o ano ’15, que sobrevaloran o voto para os de Albert Rivera dunha maneira que se afasta estrañamente do resto de institutos demoscópicos.
Un dato que amosa a verdadeira intensidade do crecemento de C’s é que a suma de UPyD e Ciudadanos é hoxe de 12,4 puntos, exactamente a mesma porcentaxe rexistrada tralas eleccións europeas, cando o modelo asignaba un 8,5% a UPyD e un 4 a Ciudadanos. Neste sentido pódese afirmar que o groso do crecemento de Ciudadanos desde xuño dáse a custa do partido de Rosa Díez.
O resto de forzas minoritarias teñen en común que só rexistran descensos ou, como moito, mantéñense. IU mantén a pequena vantaxe sobre UPyD, pero ambos tocan mínimos históricos da lexislatura. CiU tamén segue por riba de ERC, pero ambos presentan tendencia descendente. O mesmo se pode dicir do PNV e EH Bildu. O resto de forzas nacionalistas presentan igualmente tendencias decrecentes.