Site icon Crónica3.com A Mariña

Responsables estatais do Ministerio de Fomento visitarán a N-642 en Foz tralas xestións realizadas polo alcalde

Foz, 21 de marzo de 2015. Responsables estatais do Ministerio de Fomento desprazaranse dende Madrid ata A Mariña esta vindeira semana para comprobar sobre o terreo o estado no que se atopa a Nacional 642 ao seu paso polo municipio de Foz e explicar o desenvolvemento dos trámites para executar a mellora integral desta estrada. Esta visita é consecuencia das xestións realizadas diante dese departamento da Administración Central por parte do alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira.

O rexedor municipal de Foz explicou que esta visita “é o resultado dunha conversación que mantiven recentemente coa ministra de Fomento, Ana Pastor, en Santiago; e tamén e grazas ao traballo do deputado no Congreso Jaime de Olano, do senador José Manuel Barreiro e do subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo. Todos estamos preocupados pola situación da estrada Nacional 642, que precisa un arranxo urxente, e tamén polos avances no proxecto para o corredor Barreiros-San Cibrao”.

Javier Castiñeira engadiu que o principal obxectivo desta próxima visita “é que os responsables do Ministerio de Fomento expliquen sobre o terreo cal é o futuro próximo da obra para a mellora integral da Nacional 642 nesta zona, actuación para a que está consignada unha partida orzamentaria de máis dun millón de euros. Ademais queremos que se vaia máis aló e se avance no proxecto do corredor ao seu paso polo concello de Foz”.

Exit mobile version