Site icon Crónica3.com A Mariña

Restituído 2 veces ó mes o servizo de atención ó cidadán sobre Catastro en Burela a partir do luns

Burela, 30 de marzo de 2015. O vindeiro luns, 6 de abril, restitúese no Concello o servizo de atención ao cidadán en materia catastral. O alcalde, José Mª González Barcia, dixo que se prestará dous luns ao mes en horario de apertura das dependencias municipais.

O rexedor contou que “o vindeiro luns restituirase no Concello de Burela o servizo de atención ao cidadán sobre cuestións vinculadas co catastro. O Concello prestará este servizo, a través dun contrato cunha empresa (que se resolverá nos vindeiros días), co fin de que dous luns ao mes persoal desa firma contratada presten servizo de asesoramento aos cidadáns naquelas cuestións vinculadas co catastro, de forma que ás persoas interesadas se lles facilite a tramitación dos asuntos”.

González Barcia dixo que “fundamentalmente a labor de asesoramento se centrará en temas vinculados con cambios de natureza urbana ou catastral nos bens inmobles e con cambios en canto a usos ou modificacións na propiedade dos inmobles”.

O alcalde indicou que “este servizo estivo interrompido durante uns meses e retómase agora, que foi cando se puido retomar. A idea é que comece a funcionar o vindeiro luns, 6 de abril, no horario de apertura das dependencias municipais”. E subliñou que “é un servizo que non todos os Concellos teñen. Entendemos desde o equipo de goberno que é un servizo que debemos seguir prestando tal e como faciamos desde hai moitos anos, a pesares de que se viu interrompido hai uns meses. E agardamos que sexa de utilidade para todos os veciños e veciñas que teñan necesidade de utilizalo”.

Exit mobile version