O Presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro, decretou tres días de loito oficial polo falecemento de Francisco Cacharro Pardo, “unha persoa que, sen dúbida, ocupa unha parte importante na historia desta provincia e desta administración, da que foi Presidente durante 24 anos, dende 1983 e ata 2007”.
Os tres días de loito comezan este domingo e estenderanse ata o martes incluído. Nestes días suspéndense todos os actos públicos oficiais da institución, e as bandeiras ondearán a media asta e con crespón negro.
Gómez Besteiro expresou e trasladou, no seu nome e no de toda a Corporación Provincial, “as máis sentidas condolencias” e o “pésame sincero” “a toda a súa familia e amigos”. Ademais, a Deputación ofreceu á familia de Cacharro Pardo instalar a capela ardente no Pazo de San Marcos onde permanecerá aberta dende media tarde no Salón de Plenos.
O Presidente avanzou que se está a elaborar unha declaración institucional polo falecemento de Cacharro Pardo, na que se recollerán todos estes acordos.
Pola súa banda, o Bloque Nacionalista Galego rexeita que a capela ardente de Francisco Cacharro Pardo se instale no Pazo de San Marcos, sede da Deputación, e desvincúlase das “decisións unilaterais” do presidente da institución provincial, José Ramón Gómez Besteiro, en relación ao pasamento do ex presidente da Deputación desde 1983 a 2007.
O voceiro do Grupo Provincial do BNG na Deputación, Mario Outeiro, mostrou “as condolencias á familia de Francisco Cacharro Pardo polo seu falecemento” pero quixo desmarcarse “por completo” das decisións tomadas por Besteiro, e que o BNG non comparte, en relación tanto á instalación da súa capela ardente na sede da Deputación como aos actos institucionais previstos.
“Rexeitamos que se use o Pazo de San Marcos como tanatorio e que esta decisión se tomara sen nin sequera consultar ao resto dos grupos políticos ou ter reunido á Xunta de Portavoces”, afirma Mario Outeiro, que lembra que “non existen tampouco precedentes na etapa democrática”, xa que o primeiro presidente da Deputación despois do franquismo, Luis Cordeiro, falecido o 24 de decembro de 2007, non foi velado no Pazo de San Marcos.
As áreas de Goberno do BNG na Deputación non suspenderán tampouco a súa actividade nos vindeiros días e seguirán adiante cos actos previstos e programados con anterioridade.
O BNG estima que “non é momento para facer ningunha valoración política dos anos de Francisco Cacharro á fronte da Deputación de Lugo senón unicamente de transmitir as condolencias á familia”. Pero considera que “os cidadáns e cidadás da provincia de Lugo non queren mirar ao pasado, o que queren é que se siga traballando polo futuro”.
Condolencias
Tralo falecemento do ex presidente da Deputación de Lugo, Francisco Cacharro Pardo, o GPP lamenta o seu falecemento e expresa o seu pesar a súa familia. O GPP solicitará que a súa figura sexa condecorada coas máximas distincións que poida outorgar a Institución provincial en recoñecemento a súa figura e traxectoria.
O Secretario Provincial do PSOE de Lugo, Juan Carlos González Santín, en nome de todos os socialistas da provincia lamenta profundamente o falecemento do que durante máis de dúas décadas fora presidente da Deputación de Lugo, Francisco Cacharro. O secretario provincial destaca que se tratou “dunha persoa de dilatada traxectoria política que ocupou diversos cargos a nivel institucional, e que forma parte xa da historia da política da nosa provincia”. González Santín mostra as súas condolencias e pésame á familia e allegados do falecido, así como ao Partido Popular de Lugo.