Site icon Crónica3.com A Mariña

Un documental italiano e unha curtametraxe palestina pechan o ciclo de cine árabe en Viveiro

Este mércores 11 de marzo remata o ciclo de “Cine árabe para o mundo” que o colectivo viveirés Pensamento e Sementeira, en colaboración coa Fundación Araguaney-Ponte de culturas, proxectou dentro da súa programación cultural de inverno.

O documental “Shooting, Muhammad” de Francesco Cannito e Luca Casani ( Italia, 2009) e a curtametraxe “Shwesh,Suez” de Riyad Deis ( Palestina ,2009 ), pecharán o ciclo de películas sobre Palestina que se proxectaron durante os tres primeiros meses do ano no salón de actos do IES María Sarmiento de Viveiro.

“Shooting Muhammad” conta a historia dun refugiado palestino de 21 anos que, cada mañá, colle o autobús para asistir á universidade israelí situada nun asentamento de Cisxordania. El é o único estudante árabe da facultade e comparte aula con colonos ultra-relixiosos.

A curta, “Shwesh, shwesh” está ambientada nas zonas rurais de Palestina, en 1939, ao final da revolta palestina contra o mandato británico. Un agricultor palestino e a súa familia viven unha vida tradicional cando todo cambia porque un combatente da resistencia decide agocharse nunha pequena granxa e trae ideas revolucionarias…

A sesión dará comezo ás 20 horas e a entrada é libre até completar o aforo da sala.

Exit mobile version