Site icon Crónica3.com A Mariña

Uxía Senlle, o cine checo, a Coelleira, Estabañón e o patrimonio marítimo na programación de Pensamento e Sementeira

O colectivo Pensamento e Sementeira avanza a súa programación cultural “Primavera 2015”.

Despois de clausurarmos o ciclo de “cine árabe para o mundo”, desta volta dedicado a Palestina, na sesión do vindeiro mércores 11 de marzo onde se proxectarán o documental “Shooting, Muhammad” de Francesco Cannito e Luca Casani ( Italia, 2009) e a curtametraxe palestiniana “Shwesh,Suez” de Riyad Deis, o colectivo inicia a programación cultural “Primavera 2015” o venres 27 de marzo organizando un concerto coa cantante Uxía Senlle no Teatro Pastor Díaz.

Tamén o cine seguirá facendo parte desta nova programación. Para o novo ciclo contaremos coa colaboración da Casa Checa de Madrid para proxectar en abril varias películas representativas do cine checo desde os anos sesenta até o 2000.

O sábado 18 de abril , Manuel Gago, xornalista cultural e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, especializado en deseño e desenvolvemento de medios dixitais e en comunicación multimedia sobre patrimonio cultural, gastronomía e ciencia e Manuel Miranda, presidente de MariñaPatrimonio intervirán nun acto público para achegarnos as historias do mosteiro da illa Coelleira e da vila asulagada de Estabañón.

Para o mes de maio o colectivo está a preparar exposicións e charlas informativas, en colaboración coa Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial.

A exposición “Embarcacións tradicionais do arco ártabro, Ortegal e Mariña de Lugo abrirá unhas xornadas dedicadas á difusión do patrimonio marítimo e fluvial galego onde tamén contaremos coa testemuña viva de carpinteiros de ribeira.

Viveiro, 7 de marzo de 2015.

Xunta Directiva
Colectivo PENSAMENTO E SEMENTEIRA

Exit mobile version