Site icon Crónica3.com A Mariña

Val Alonso critica a falta de compromiso de Portos de Galicia respecto da dragaxe das dársenas portuarias de Foz

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 DE MARZO DE 2015.- O deputado autonómico –José Ramón Val Alonso-, interesouse esta mañá na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo sobre as previsións do Goberno galego respecto da dragaxe das dúas dársenas portuarias do concello de Foz, os seus prazos de execución, así como o orzamento que vai destinar para ese fin e o aumento do número de amarres nelas e así dar servizo 88 usuarios que están inscritos nas listaxes de espera.

Segundo explicou o deputado, “a pesar de que ao rexedor popular do Concello de Foz non lle guste que o PSOE traia á Cámara este asunto, nós continuamos a facer para denunciar a situación tremendamente inxusta que está a afectar aos usuarios das dársenas de Foz”. “O estado no que se atopan é absolutamente lamentable”, engadiu, e reclamou a Portos de Galicia que “cumpra coa súa obriga, e dea unha solución ao abandono dunhas instalacións tan necesarias para o desenvolvemento deste concello que é un referente turístico da comarca da Mariña”.

Esta non é a primeira vez que o deputado socialista denuncia o mal estado no que se atopa a zona portuaria de Foz, senón que aos notables problemas na canle de acceso ás dársenas, únense as numerosas deficiencias dentro das mesmas, “onde as embarcacións quedan totalmente en seco non só nas mareas vivas, senón tamén nas de coeficiente medio”. Ademais, segundo explicou Val, “Portos está cobrando aos máis de 130 usuarios de Foz por uns servizos que non están a ter. Non hai nin tomas de luz nin de auga na dársena sur, na norte hai catro puntos de corrente e catro deles non funcionan, e o alumeado está apagado durante a maior parte da noite”. “Deficiencias que están a afectar enormemente ao sector pesqueiro e náutico recreativo do porto, sen que o Goberno galego aplique as bonificacións especiais ás que teñen dereito os usuarios pola falta de calado”.

Por iso, o deputado, reclamou á Xunta de Galicia “un compromiso de prazos para a realización dos traballos e que manifeste se vai realizalos nas dúas dársenas ou vai deixar de lado ao 50% dos usuarios”. Val critica que “o Goberno Galego non sexa quen de establecer os prazos para un dragado que limitará a tan so unha das dársenas, deixando de lado ao 50% dos usuarios”.

A esta denuncia súmanse tamén os usuarios particulares e o Club Náutico, que levan moito tempo reclamando melloras e non recibiron máis que promesas incumpridas por resposta. Por iso, segundo anunciou Val, “máis de 150 persoas celebrarán mañá unha xuntanza para alzar a voz e facer unha reclamación pública sobre unha situación da que están fartos”.

Exit mobile version