Site icon Crónica3.com A Mariña

Veciños Independentes de Alfoz botan a andar cunha xuntanza coa ACIA e unha homenaxe ás mulleres

Desde o pasado mes de febreiro un grupo de veciños e veciñas de Alfoz está levando a cabo reunións coa intención de formar unha agrupación de electores para concorrer ás eleccións municipais do vindeiro 24 de maio.

Coa intención de dar a coñecer esta nova alternativa e de conseguir ideas para a base programática estanse a facer unha serie de actividades:

1. Denominación e imaxe corporativa.
A nova alternativa veciñal denominarase Veciños Independentes de Alfoz, e terá como imaxe corporativa o anagrama no que se combina a cor verde e branca da bandeira de Alfoz coa silueta da torre do Castelo de Castro de Ouro.

2. Comunicación
Veciños Independentes de Alfoz pon á disposición dos veciños e veciñas de Alfoz a dirección de correo electrónico vialfoz@gmail.com coa intención de que nos expoñan as súas suxestións. Decídese así mesmo nomear a Xabier Pardiñas Suárez como portavoz da agrupación.

3. Reunións coa veciñanza.
Coa intención de facer un programa participativo, onde tanto os veciños e veciñas de Alfoz, como os colectivos que os representen nos amosen as súas inquedanzas e nos transmitan as súas necesidades reais, Veciños Independentes de Alfoz realizará diferentes reunións ó longo dos meses de marzo e abril.

A primeira reunión realizouse o pasado martes con membros da Xunta Directiva da ACIA de Alfoz. Nesta reunión mostrouse gran preocupación pola perda de poboación que está sufrindo Alfoz, feito que incide no consumo e, polo tanto, no comercio. Nesta xuntanza falouse tamén da necesidade de levar a cabo unha ordenación do territorio que de lugar ó remate da Concentración Parcelaria e á posta en marcha dun Plan Xeral de Ordenación Municipal que lle permita ós veciños e veciñas de Alfoz asentar no seu concello non só as súas vivendas, senón tamén os seus negocios, sendo tarefa irrenunciable a delimitación de solo industrial. Os membros da ACIA transmitiron a necesidade de mellorar a sinalización tanto dentro do concello como nas vías principais de acceso a Alfoz.

Tamén se expuxo a necesidade de potenciar as festas locais e o turismo, poñendo en valor tanto o enorme potencial paisaxístico do val coma o patrimonio histórico-artístico existente, reclamando a apertura da torre do Castelo de Castro de Ouro para poder ser visitada ó longo de todo o ano.

Desde Veciños Independentes de Alfoz considerase que se deben ter en conta estas propostas, comprometéndose, entre outras accións, a levar a cabo un Plan de Dinamización Turística para o concello de Alfoz.

4. Homenaxe ás mulleres no Día Internacional
Coa intención de facer unha homenaxe a todas as mulleres en xeral e, sobre todo, a todas as mulleres de Alfoz, a aquelas que nos deixaron e que traballaron por este concello e ás que están a loitar polo futuro do seu pobo onde queren poder seguir traballando, Veciños Independentes de Alfoz convoca unha ofrenda floral que se levará a cabo o vindeiro domingo 8 de marzo ás 11.30 horas nas inmediacións do Castelo de Castro de Ouro convidando a todos os veciños e veciñas a participar no acto.

Exit mobile version