Logo de visitar as obras, Veiga reuniuse coa directiva da Asociación Camiña no hotel Nordés, onde puideron observar os planos e a recreación do futuro centro. O vicepresidente provincial valorou a importancia destas novas instalacións, “xa que máis de 30 usuarios e usuarias de Burela e de practicamente todos os concellos da comarca da Mariña se beneficiarán da apertura deste centro de ocio que se está construíndo na rúa Rafael Dieste. Para axudar na súa posta en marcha asinamos un convenio por valor de 50.000 euros para habilitar un local onde poidan desenvolver as súas actividades, porque até o de agora o estaban facendo nun local cedido polo Concello de Burela que non reunía as mellores condicións”, salientou.
Antonio Veiga lembrou que o centro de ocio “contará cunha superficie de 370 metros cadrados, será propiedade da Asociación Camiña e alí se realizarán todo tipo de actividades de ocio e logopedia”. O responsable de Benestar e Deporte agarda que “as obras de acondicionamento estean rematadas en agosto e xa poida comezar a ser utilizado no mes de setembro”, sinalou.
No convenio firmado coa institución provincial establécese que neste centro de ocio se levarán a cabo actividades lúdico-educativas e de desenvolvemento físico como as de reforzo educativo, logopedia, fisioterapia, terapia ocupacional, obradoiros de manualidades, de teatro, de musicoterapia, de repostería, creativos, cine, informática e manexo de novas tecnoloxías, así como charlas e conferencias sobre discapacidade ou celebracións de diferentes eventos durante o ano, tales como o magosto ou o antroido.
Falta de colaboración da Xunta coas asociacións do eido do Benestar
Antonio Veiga aproveitou a súa visita para lamentar “a situación que están vivindo moitas asociacións que traballan no ámbito da discapacidade e do benestar. É unha situación complexa, xa que están sufrindo día a día múltiples recortes e contan con poucas axudas para levar adiante ese traballo tan importante que están facendo”, afirmou.
Contrasta coa liña de actuación da Vicepresidencia Primeira. “Desde a Área de Benestar o noso compromiso sempre foi axudar e por iso colaboramos anualmente con 35 asociacións que traballan nese ámbito, porque cremos que a súa labor é totalmente necesaria e indispensable. E, ademais, coincidimos con eles en que non é de recibo o tratamento que lle están dando os gobernos do Partido Popular, tanto desde o Estado como desde a Xunta, recortando esta última a maioría das axudas en materias de benestar social, mentres a Deputación incrementou este ano nun 30% o investimento en servizos socias”, asegurou.