Site icon Crónica3.com A Mariña

14 mestres de APAGA inician este xoves unha viaxe a Alemaña para visitar empresas, talleres e centros de ensino.

Ribadeo, 29 de abril de 2015.- Un grupo de profesores da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia realizarán a partir deste xoves, 30 de abril, unha viaxe a Alemaña dentro do proxecto de Mobilidade Erasmus +. Nesta segunda saída do ano son 14 os mestres que viaxarán a Münster desde Galicia, Murcia, Navarra, Toledo e Avilés. No país xermano visitarán empresas, coñecerán a formación dual, que se imparte no centro de ensino de acollida e ademais aproveitarán para facer promoción turística de Ribadeo.

O presidente de Apaga, o ribadense Álvaro Doural explica que “a saída empeza o 30 de abril e remata o 9 de maio. Estaremos en Münster, unha cidade que está no norte de Alemaña, preto de Bremen, que é eminentemente industrial e que ten aproximadamente 250.000 habitantes. Faremos visitas a empresas, museos, á Cámara de Comercio, traballaremos con catro obxectivos moi claros: observar o sistema educativo alemán de FP, neste caso o sistema dual que está tan de moda neste momento; a relación dos centros de ensino coas empresas; a xestión dos centros; e os equipamentos e ferramentas que se empregan nos mesmos. Todo isto está marcado no proxecto que se está a desenvolver”.

En Münster os mestres desprazados acudirán a un centro de camións e á fábrica de Mercedes, verán varios talleres de coches, e aproveitarán para coñecer a cidade, para visitar a Cámara de Comercio e algúns museos. Doural sinala que “tamén faremos promoción de Ribadeo, tal e como acordamos desde Apaga hai uns meses co Concello. Alí mostraremos Ribadeo a través de conexións con páxinas web turísticas,etc. Xa naquel momento eu lle comentei ao alcalde que no 2016 Ribadeo podería recibir a visita de profesores chegados desde Polonia, República Checa, Croacia, Estonia e Portugal. Dependerá de si eses proxectos son aprobados nas axencias estatais dos Ministerios de Educación dos seus países. Agardamos que algún destes grupos cheguen a Ribadeo, entón nós teríamos que facer de socios de acollida e programar as visitas a realizar na Mariña de Lugo e tamén teremos que desprazarnos a cidades con industrias grandes relacionadas coa automoción, como poden ser Vigo con Citröen e Avilés”.

O proxecto de Mobilidade Erasmus + Aprender a aprender en la formación profesional xa levou a un grupo de profesores á República Checa hai unhas semanas. O balance que realiza Álvaro Doural desa primeira visita deste ano é moi positivo: “a xente veu moi contenta, participaron nunhas xornadas moi intensas de traballo, pero na xuntanza que tivemos á volta vimos que viñan moi contentos polas relacións establecidas cos colegas de alí, polas experiencias educativas que intercambiaron, etc”.

Exit mobile version