Site icon Crónica3.com A Mariña

A alcaldesa de Viveiro defende “a inocencia e honradez de Melchor”

O pasado fin de semana, cando se coñeceu o contido do Auto da Audiencia Provincial con respecto ás Dilixencias Previas 303/2007, fixen unha primeira valoración e comuniquei que, a partir dese momento e seguindo a maneira habitual de proceder, non faría máis declaracións, deixando os avogados estudasen o seu contido para continuar coa tramitación que correspondese nos xulgados e non nos medios de comunicación. Será alí, nos xulgados, onde eu e os meus compañeiros demostraremos a nosa inocencia.

Hai alguén que, desgraciadamente, non terá esa oportunidade e esa é a razón que me leva a realizar o presente comunicado: defender a inocencia e a honradez de Melchor Roel. Non comprendo a aptitude daqueles que, aproveitando estas circunstancias, pretenden facer un uso partidista dun procedemento xurídico atacando unha e outra vez, inxustamente, a alguén que non se pode defender.

Pero como para isto están os amigos, eu, que ademais de compañeira fun amiga, tomo a palabra para recordar que Melchor foi, por riba de todo, unha persoa boa, honrada, traballadora, valente e consecuente, consigo mesmo e cos seus actos. Demostrou estas cualidades en numerosas ocasións, como cando desatendeu as ordes de derribo dos edificios situados en Lodeiro ou Nicolás Cora Montenegro, polo que pagou do seu peto as catro sancións impostas por desacato e continuou a traballar para evitar a demolición das vivendas dos veciños afectados, conseguindo, no caso de Lodeiro, a súa legalización.

Aínda así, aquel que no seu momento concedeu as licenzas de Nicolás Cora e de Lodeiro, aquel que non pode dar leccións de urbanismo e moito menos de honradez, aquel que por cobardía e temor ás réplicas de Melchor non exercía como portavoz do seu grupo nos plenos, continúa atacando e difamando ao anterior rexedor polo que, unha vez máis, para evitar manipulacións malintencionadas, para defender a honradez de Melchor, debo lembrar cómo se concederon as licenzas que hoxe se cuestionan nas Dilixencias Previas 303/2007.

Esas solicitudes de licenza de obra maior foran presentadas no Concello de Viveiro máis de tres meses antes do inicio do expediente de suspensión das Normas Subsidiarias de Viveiro, adoptado pola Xunta de Galicia. Para solventar esa situación, Melchor creou unha Comisión Informativa de Urbanismo, formada por representantes de todos os partidos políticos (PSOE, PP, BNG e EU) e polos técnicos municipais, para analizar cada un dos expedientes –que se atopaban fisicamente a disposición de todos os membros-; coa creación desta comisión Melchor trataba de dar a máxima publicidade e transparencia ao procedemento de recoñecemento do silencio administrativo, seguindo os diversos informes, doutrina e xurisprudencia que indicaban que as licencias referidas debían ser concedidas por silencio administrativo positivo. Ningún acordo da Comisión Informativa foi votado desfavorablemente por ningún dos seus membros e ningún técnico municipal manifestou ningún reparo aos seus acordos.

A vontade de solventar a situación descrita da mellor maneira posible é evidente; a creación dunha Comisión Informativa de Urbanismo para garantir transparencia, consenso e legalidade é eloxiable; a inocencia e honradez de Melchor son incuestionables.

Viveiro, 17 de abril de 2015.

A alcaldesa,
María Loureiro García.

Exit mobile version