Site icon Crónica3.com A Mariña

A Alcaldesa de Viveiro solicita unha reunión co Conselleiro de Cultura para abordar a transferencia do Conservatorio

A Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, solicitou un encontro co Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, na que tamén participará o equipo directivo do Conservatorio de Música da localidade, para abordar a transferencia deste centro á Xunta. A rexedora enviou xa por escrito en setembro do 2014 a solicitude de reunión, que reiterou en febreiro deste ano, e polo momento non recibiu contestación algunha.

Ademais de destacar que a maior parte dos conservatorios de Galicia dependen da Xunta, a rexedora subliña “a importancia cultural e educativa” do centro viveirense, convertido nun referente na comarca mariñana, pois conta con numerosos alumnos tanto de Viveiro como de concellos limítrofes, e as súas actividades acadan sempre unha gran acollida.

Ademais da formación propia, o Conservatorio está a ofrecer distintos cursos gratuítos, de un mes de duración, cos que se pretende achegar a música aos cidadáns. Deste xeito, impártese un curso de iniciación para adultos, cursos para nenos de entre 7 e 14 anos de trombón, trompeta, trompa, tuba, clarinete, gaita e frauta, e un curso de iniciación á música para nenos nacidos en 2008. As 26 prazas desta última actividade cubríronse o mesmo día da apertura da inscrición, polo que se decidiu ampliar a capacidade noutras 26 prazas. Isto dá boa conta da gran aceptación das actividades do Conservatorio.

Esforzo económico para o Concello
Súmase ademais o esforzo económico que supón para o Concello manter este servizo, pois mentres os gastos, entre os correntes (luz, limpeza, mantemento…) e os de persoal, supuxeron por exemplo o pasado ano 746.339 euros, os ingresos foron de 116.538 euros, incluída a axuda anual que concede a Deputación de Lugo.

Deste xeito, a Alcaldesa considera necesario abordar a transferencia da titularidade do Conservatorio á Xunta, unha cuestión que xa se formulou en diversas ocasións e que nunca chegou a materializarse. Loureiro espera que o Conselleiro convoque canto antes a reunión que xa lle solicitou hai 7 meses para tratar este asunto, así como o desbloqueo do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), pendente tamén dunha xuntanza de traballo con esta mesma consellería, da que depende o organismo que mantén paralizado o documento, a Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural.

Exit mobile version