Site icon Crónica3.com A Mariña

A Alcaldesa esixe á Xunta que deixe de bloquear de xeito deliberado o PXOM de Viveiro

A Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, esixe á Xunta que deixe de bloquear de xeito deliberado a tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e que convoque canto antes a reunión de traballo que lle leva solicitando de xeito reiterado dende hai 7 meses, imprescindible para continuar coa tramitación do documento.

A rexedora cre que o bloqueo do plan é intencionado ou froito “dun total desgoberno e desidia” por parte da administración galega, pois, nin a Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural, nin o Conselleiro de Cultura responderon a ningunha das numerosas peticións que, tanto por escrito, como por vía telefónica, lles leva realizado dende o mes de setembro para manter unha reunión. “Ningunha delas foi atendida”, subliñou María Loureiro, “a pesar da nosa insistencia en que este encontro resulta obrigado para poder avanzar no procedemento do PXOM”.

Esta reunión de traballo, explicou a Alcaldesa, “é necesaria para expoñer as consideracións dos representantes políticos e técnicos municipais con respecto aos informes emitidos por Patrimonio e axilizar así a tramitación”. Loureiro reclama neste senso ao Goberno galego que “deixe de castigar aos viveirenses” e demostre “un compromiso real” co municipio, “e non as cifras manipuladas das que presume”, axilizando un documento “de vital importancia para o desenvolvemento de Viveiro”.

A rexedora recalcou tamén que esta situación é “discriminatoria” para a localidade, pois mentres outros Concellos mariñáns como Burela ou Ribadeo xa aprobaron o seu PXOM, Viveiro “segue sen este plan fundamental, temémonos que por un mero capricho da Xunta, pois non se entende que en seis meses non fixeran nada”.

Trámites estancados en Patrimonio
A tramitación do plan urbanístico de Viveiro quedou estancada na Subdirección Xeral de Patrimonio. Dende alí chegou ao Concello un informe negativo en xaneiro do 2014. En marzo dese mesmo ano celebrouse unha reunión de traballo á que asistiu a Alcaldesa, o arquitecto municipal e os voceiros dos grupos políticos municipais, e na que se acordou que o departamento autonómico, tras analizar as propostas municipais de modificación con respecto ao informe de Patrimonio, convocaría unha nova reunión de traballo. Ditas propostas municipais foron remitidas polo Concello o 16 de maio en formato dixital. Dende entón, o Concello está á espera dunha nova reunión de traballo.

A pasividade e atrancos que pon a Xunta, “e que xa sufrimos neste Concello noutros proxectos” non reducirá sen embargo “o noso empeño e esforzo” por sacar adiante o PXOM, subliñou María Loureiro.

Exit mobile version