Site icon Crónica3.com A Mariña

A breve e indiferente historia do home de pedra

En Cervo apareceu unha vez un home de pedra. Todo o mundo se quedaba abraiado ante semellante acontecemento, a aparición dun home de pedra, a xente achegábase a contemplalo, pero este permanecía impasible, non sentía nin frío nin calor, sen escrúpulos, carecía de sentimentos e nin o nordestazo de San Cibrao o espertaba.

O home farto desta situación, buscaba axuda, pero o tratamento era moi caro. En primeiro lugar embarcou na nave socialista, pero mareouse, na agrupación da rosa ou non atopou o tratamento, ou non llo quixeron facilitar.

En segundo lugar, embarcou na nave popular, esta sí que se amoldaba máis a él. O barco era máis acorde á súa vida, alí non facía nin frío nin calor, non hai sentimentos e poucos escrúpulos. O home de pedra prosperou, puxérono a soldo do armador, e foi cobrando cada vez un salario mellor, incluso lle puxeron un asesor para escribir o que as súas mans de pedra lle impedían.

Ao home de pedra, aplicáronlle numerosos tratamentos, pero nin sentía nin padecía. O último tratamento recibiuno no Parlamento Galego, nin máis nin menos que lle aplicaron o de Secretario da Mesa, alí xunto cos seus compañeiros puido aplicar políticas de empobrecemento masivo e engano colectivo. As súas accións carecían de sentimentos, xa que era de pedra, deixou á xente sen médicos, sen sanidade, sen servizos sociais, sen educación. Apoiou unha reforma laboral, e deixou aos traballadores sen dereitos. Él quería que todos foran coma él, que foran coma os seus, xente de pedra.

Un día chegaron a Compostela uns aguerridos viveirenses con problemas, xente con sentimentos, que teñen que loitar día a día para sobrevivir neste norte galego. Xente forte e seria, que defenden o futuro na propia terra. A uns poucos non lles deixou entrar. Él subiu á tribuna e quixo chorar para parecerse a eles, o home de pedra quixo ter sentimentos, pero non puido, non puido chorar.

Esta é a breve e indiferente historia do home de pedra, o señor Balseiro. Un deses políticos profesionais que tanto abondan no bipartidismo de PP e PSOE, xente para a que todo vale e amarrada ao seu posto, transtornada polo poder, expertos na evasión e na manipulación. Prefiren emporcar a vida política a asumir a súa responsabilidade. Xente que aínda falando claro e repetindo as cousas tres ou catro veces, nin queren, nin as logran entender.

Falareille claro, as súas liortas de patio de escola no Parlamento, e o uso partidista e dictatorial da cámara Galega xa as xulgará a cidadanía galega no seu momento. Con respecto a Vestas, o martes remata o prazo de negociación, vostedes agardaron ata o último día para “intentar mediar”, non fixeron nada, viñeron quitar a foto, e apoiaron a causa de forma hipócrita. Arrime o hombro Sr. Balseiro, póñase a traballar, consiga despidos cero en Vestas, e axude ao futuro de Viveiro e da Mariña. Se o consegue, serei o primeiro en darlle as grazas, no meu nome e no das veciñas e veciños que represento na Corporación Municipal de Viveiro. E se non o consegue, demostrará unha vez máis, que a pesar do paso dos anos, e dos tratamentos, segue a ser un home de pedra.

Bernardo Fraga.
Candidato á alcaldía de Viveiro polo BNG-Asembleas Abertas.

Exit mobile version