Burela, 16 de abril de 2015. A Concellería de Cultura de Burela, dentro da Programación Cultural de Primavera, presenta o concerto da Coral Polifónica de Burela, que terá lugar este venres, 17 de abril, ás 20.30 horas no auditorio da Casa da Cultura.
Segundo informa a Concellería de Cultura “a Coral Polifónica, debutou un 21 de maio no Cine Mon de Burela. Participou con outras corais e colectivos na ampla xeografía galega e asturiana, e ata na comunidade veciña de Castela-León, na cidade de Valladolid, en Villafranca do Bierzo, La Bañeza e noutras localidades. No 1992 actuou no Teatro Victoria Eugenia de San Sebastián, co gallo do Festival Galicia canta en Euskadi, e en outubro do 2007 en Getxo.Ten sido seleccionada para participar varios anos na Mostra Xacobea de Panxoliñas. Participou na Misa Dominical da TVG, no concurso Con música propia e na TVE no programa Galicia para o Mundo”.
Tamén sinalan que “entre os actos que organiza están o I, II e III Concertos de Zarzuela celebrados nos anos 2002, 2003 e 2006. En maio de 2008 celebrou o seu XX aniversario coa presenza de todas as corais da Mariña Lucense. Tamén organiza anualmente os festivais das Letras Galegas e Panxoliñas e dende o ano 2012 en diante o Festival de Música do Mundo e está integrada na Federación Coral Galega, e formada por trinta e seis voces mixtas”.
O 18 de agosto do 2013 celebrou o seu XXV aniversario coa celebración dunha misa seguido dun concerto multitudinario.
Desde a Concellería de Cultura engaden que “como dato importante é necesario destacar que o 14 de decembro do 2007 tiña lugar a presentación oficial do primeiro CD da Coral Polifónica de Burela, editado por Clave Records, que fora gravado en abril do 2006 na igrexa parroquial de San Román de Vilastrofe. Ata outubro de 1989 estivo dirixida por Secundino Rodríguez Pérez, sendo relevado por Higinio Pérez Bustamante ata 1999. Despois desta data o seu director é Delio Represas, e na actualidade, dende o 2011, dirixe a Coral Polifónica de Burela Felipe Sánchez Fernández”.
A entrada á actuación será libre.