Site icon Crónica3.com A Mariña

A “cousa pública” xovense

Lois Iglesias.- Desde o Goberno Municipal de Xove, oito anos despois de telo prometido, seguen sen concretar cando se construirán na nosa localidade as vivendas de protección para a xente nova que anunciaron hai tanto tempo. E non contentos con iso, apoiaron que desde o goberno “unipartito” de Santiago de Compostela incrementaran nun 30% de media os tributos para a compra de vivenda libre. Pero voulles contar polo miúdo algunhas cousiñas que si que se apuraron a facer, si, aínda que nunca tiveran a valentía para levalas no seu programa electoral:

Subiron as cotas da piscina municipal e, en plena crise (porque todo nos chega tarde neste país), obrigan a pagar todo o ano por adiantado, e se fraccionas os pagamentos, aplican un recargo. Os cursiños cos que moitos xovenses aprendimos a nadar deixaron de ser de balde para os vecinos de Xove. Non existe un verdadeiro Centro de Día para a poboación do noso municipio, cada vez máis avellentada. A agrupación de Protección Civil, unha das mellores de toda a volta, esmoreceu. Aos socorristas das praias quitáronlles un mes de traballo e mais as “tiritas” (o material de urxencias). O clube de piragüismo simplemente desapareceu, así coma o clube de vela. Quitáronnos un facultativo de medicina xeral, e as horas de pediatría do Centro de Saúde son insuficientes. Remataron coas axudas á limpeza dos montes e, pola contra, gastaron unha millonada en arranxar unhas fontes. A biblioteca quedou tan absoleta coma o bañador de Fraga en Palomares. Subiron o catastro, o imposto de vehículos e mais a licenza para construcións e obras. Encareceron como nunca se acorda o recibo da auga e o lixo (do da luz xa nin falo). Incrementaron a taxa da Escola Infantil un 500% e aumentaron o pagamento pola prestación do Servizo de Axuda no Fogar. E, respecto ao transporte escolar, comunicáronlle verbalmente aos afectados que ían ter que pagar 12€/mes e recuaron grazas a unha moción presentada pola oposición nacionalista.

Non padezan moito, que isto non fixo máis ca comezar.

Lois Iglesias.

Exit mobile version