Méndez insistiu na necesidade de prestar o maior apoio posible ao sector do lácteo, tendo en conta as dificultades que este atravesa na actualidade, entre as que destacou “a eliminación do sistema de cotas lácteas o pasado 1 de abril; a caída do prezo do leite en orixe ou a ineficiente e inxusta repartición das axudas da nova Política Agraria Común”. O do leite é, ademais, un sector estratéxico para o desenvolvemento económico da provincia, que produce preto da metade do leite galego –máis dun millón de toneladas anuais-, e xera uns 25.000 postos de traballo.
Así, o vindeiro Pleno provincial debatirá e votará a moción presentada polo Grupo socialista, coa que instará ao Goberno central a modificar o contido do Real Decreto 125/2015, de 17 de febreiro, para que este sirva, entre outros obxectivos, para corrixir “a precariedade dos contratos que quedou patente o pasado 31 de marzo”. Méndez fixo alusión a algunhas industrias lácteas, “que non dubidan en obrigar os produtores a asinar contratos en condicións extremas e abusivas, sen oferta previa e sen negociación, baixo a ameaza de non recollerlles o leite”.
Medidas propostas
Entre outras medidas que debería recoller a nova redacción deste decreto, a Vicepresidenta destacou a introdución da figura do mediador, o establecemento de fortes sancións para que as industrias non continúen con prácticas como fixar os prezos de xeito unilateral ou impoñer contratos á baixa e por menos de 12 meses, ou marcar un dobre prezo para o leite producido nos doce meses anteriores ao contrato”.
Outros dos mecanismos que deberían recoller a lexislación serían as inspeccións periódicas para evitar o emprego do leite como reclamo nas grandes superficies comerciais, así como a posta en marcha dun programa de concesións de créditos aos gandeiros e un seguro de rendas subvencionado.
Igualmente, Méndez destacou a conveniencia de crear un foro permanente no que participen produtores, industria, distribuídores e consumidores, que se regule un sistema de seguimento do leite e dos seus derivados dende a súa orixe ata o consumidor ou a mellora da etiquetaxe, de xeito que permita ao consumidor coñecer e valorar a procedencia do leite.
Aberto o prazo de axudas ás organizacións
A Vicepresidenta subliñou que “a Deputación de Lugo ten claro que o sector gandeiro é fundamental para a economía da provincia, de aí a liña de colaboración que vimos mantendo dende hai tempo con estes profesionais”. Neste senso, lembrou que hoxe ábrese o prazo para solicitar as axudas do organismo provincial ás organizacións de produtores, para que estas poidan facer fronte aos custes de contar con persoal e medios para a concertación de contratos coas industrias. As bases e a convocatoria poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia publicado onte en www.deputacionlugo.gal.