Site icon Crónica3.com A Mariña

A proposta da Deputación de financiar a posta en marcha de Hemodinámica 24 horas chega ao Parlamento de Galicia

As reivindicacións dos lucenses de contar cos mesmos servizos sanitarios que o resto de galegos chegarán novamente ao Parlamento de Galicia. Nesta ocasión, farao co debate e posterior votación no Pleno da Cámara autonómica dunha proposición de instar á Xunta a que acepte o ofrecemento da Deputación de Lugo de financiar a posta en marcha de Hemodinámica 24 horas no HULA.

O pasado mes de marzo, o Pleno da Deputación aprobaba unha moción, malia os votos en contra do PP, coa que o Goberno provincial se ofrecía á Presidencia da Xunta para afrontar o custe que suporía poñer en servizo Hemodinámica 24 horas e non só de 8:00 a 15:00 horas. Este custe, segundo o propio Xefe de Cardioloxía do HULA, Carlos González Juanatey, sería o necesario para contar cun especialista máis e unha enfermeira, o que o doutor estimaba nuns 100.000 euros anuais. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, puxo este ofrecemento en coñecemento de Alberto Núñez Feijóo xeito inmediato.

De feito, veciños de toda a provincia pediran, durante as xuntanzas dos Orzamentos Participativos provinciais, emprender todas as medidas necesarias para conseguir dotar a Lugo de servizos sanitarios básicos, á vista das reiteradas negativas do Goberno de Feijóo.

Esta será, pois, a terceira ocasión na que as carencias sanitarias da provincia de Lugo centren o debate autonómico. A primeira delas foi a presentación, en marzo do pasado ano, da Iniciativa Lexislativa Popular que apoiaron máis de 41.000 lucenses coas súas sinaturas, e que daquela foi aprobada por unanimidade de todos os grupos políticos con representación parlamentaria. A segunda, cando o Partido Popular modificaba esta ILP mediante as emendas que introducía e que se aprobaban cos únicos votos dos parlamentarios do PP.

Exit mobile version