Site icon Crónica3.com A Mariña

A Vicepresidencia da Deputación e o Concello de Mondoñedo poñen en marcha un proxecto piloto de dinamización local a través das asociacións

Mondoñedo, 15 de abril de 2015.- A Vicepresidencia da Deputación e o Concello de Mondoñedo presentan este xoves a medio cento de asociacións e colectivos mindonienses un proxecto piloto de intervención no medio rural da provincia de Lugo cuxo obxectivo principal é o desenvolvemento local dun xeito sustentable. O vicepresidente provincial, o nacionalista Antonio Veiga, e o alcalde mindoniense, Orlando González Cruz, presentarán esta proposta nun acto ás 20:30 horas no Centro Comarcal de Mondoñedo.

Partindo da concepción do eido rural como un espazo de oportunidades e posibilidades con escaso aproveitamento das mesmas actualmente e artellado desde a participación cidadá por medio dos colectivos e asociacións existentes nos municipios nos que se intervén, o proxecto ‘Localidade’ busca aproveita ao máximo os recursos endóxenos de cada un dos municipios.

“O fin último deste proxecto é contribuír ao desenvolvemento da actividade local e a potenciación dos colectivos asociativos do eido rural da provincia para, deste xeito, axudar ao desenvolvemento social e económico no medio rural”, avanza Antonio Veiga.

“Tal e como o seu propio nome indica, este é un proxecto que tratará de axudar, de promover, de incentivar, de colaborar coa dinamización dos concellos rurais da provincia de Lugo, buscando a calidade de servizos a nivel local tendo sempre presente e como pedra angular aos diferentes colectivos asociativos que existan en cada un dos municipios”, explica o vicepresidente da Deputación.

Participación cidadá
Fomentar e potenciar a participación cidadá na toma de decisións e a corresponsabilidade da poboación no desenvolvemento municipal será un dos piares deste proxecto, que ten unha primeira fase de traballo de campo con entrevistas, mesas de traballo e a análise da situación de partida para nunha segunda fase establecer un catálogo de recursos potenciais para o desenvolvemento endóxeno e sustentable da localidade e o deseño e posta en marcha dun plan de actuacións.

“A través das asociacions coñeceremos de primeira man á realidade de cada un dos concellos nos que se intervén así como as demandas e necesidades que os colectivos asociativos nos indiquen para axudar a mellorar a dinamización social e económica do concello”, relata Antonio Veiga, que explica que este proxecto piloto arrancará simultaneamente en tres concellos da provincia: Mondoñedo, Chantada e Guitiriz.

Exit mobile version